Search
Close this search box.

53 establecementos compiten en Pontetapas

Pontevedra vólvese a poñer de tapas nunha nova edición –a oitava- do concurso Pontetapas, certame organizado pola Concellaría de Promoción Económica e os hostaleiros co obxectivo de reforzar a marca da cidade e dinamizar o comercio local e o sector da restauración. No concurso tamén terá unha presenza activa o IES Carlos Oroza, o Instituto de Hostalería da Pontevedra do que está a saír unha importante – en cantidade e calidade- canteira de profesionais.

Un total de 53 establecementos da cidade participarán en Pontetapas que se desenvolverá desde o 12 ao 22 de novembro, unhas datas adiantadas respecto a edicións anteriores atendendo a suxestións do sector que aproveitará o tirón do concurso gastronómico para mellorar os ingresos da tempada baixa.

O cambio de datas é unha das novidades deste ano, explica a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, quen mantén que “Pontevedra ten unha hostalería de nivel, moderna e de calidade, cun mix de sabor e un mix de ofertas “ que garanten o éxito da convocatoria.

Os bares e restaurantes participantes compiten en tres modalidades, pero mantendo a obrigatoriedade da utilización de produtos e materias primas de calidade da gastronomía galega. En xogo está o premio á mellor tapa tradicional – inspirada nas receitas máis arraigadas e significativas da nosa gastronomía–, á mellor trapa creativa –á máis orixinal e innovadora en sabores, presentación, técnicas empregadas…–, e o mellor cóctel. Un xurado especializado, presidido polo cociñeiro Pepe Solla, elexirá aos gañadores que obterán como premio, un diploma acreditativo e un trofeo que visibilicen o galardón e unha masterclass co propio Pepe Solla.

Dos establecementos inscritos 25 competirán en bocados tradicionais, 34 en bocados creativos e 14 na categoría de cócteles.

Ademais o público elixirá mediante votación popular o premio Tapa Pontevedra que será a que compita na segunda edición de “De tapas por Galicia”, o certame promovido por Turismo de Galicia para escoller o mellor petisco da comunidade autónoma entre os gañadores dos concursos de tapas das sete grandes cidades galegas.

Un pasaporte Pontetapas, que será selado por cada establecemento ao consumir, permitirá ao público máis participativo –a aqueles que cubran as 53 casillas o se non entre os que máis selos teñan- optar a unha cea para dúas persoas no local que escollan.

O prezo das tapas será dos euros e o dos cócteles, tres euros.

Por outra banda a Casa da Luz abrirá as portas a Pontetapas para facer unha exposición e coordinar un catálogo de fotografías coas tapas do concurso.

Compartir publicación: