Esta mañá presentouse na Casa da Luz de Pontevedra o PONT-UP STORE, unha convocatoria que chegará a próxima semana á cidade, por segundo ano consecutivo, para consolidarse como o encontro galego de referencia para a creatividade e o emprendemento. No acto de presentación interviron Alberto Oubiña, concelleiro de Novas Tecnoloxías e Normalización Lingüística de Pontevedra; Juan Manuel Corbacho Valencia, vicerreitor do Campus de Pontevedra da UVigo e Pedro Figueroa, director do Pont-Up Store. Todos coincidiron en sinalar que este ano a resposta dos emprendedores sorprendeu ao comité organizador que recibiu un total de 125 propostas de participación chegadas de todo o estado. Despois dun duro proceso de selección, escolléronse os 44 proxectos de emprendemento mellor cualificados para ter presenza na carpa que se instalará os días 25 e 26 de setembro na Praza de España. Destes 44 emprendedores, 36 contarán cun stand gratuíto para mostrar os seus productos, ideas e servizos, e algús deles terán tamén a oportunidade de participar dentro do programa de actividades da feira desenvolvendo propostas tan interesantes como obradoiros de estampación de camisetas ou de postais, de robótica e reciclaxe, visitas a espazos de arte ou un curso para aprender técnicas de resolución creativa de problemas empregando bloques de LEGO. Outros 8 proxectos emprendedores poderán presentar as súas ideas na zona networking do Pont-Up Store o venres de 12:30 a 14:30 dentro do espazo denominado ’10 minutos de gloria’, onde poderemos ver propostas novedosas nos sectores da consultoría, internet e impresoras 3D, formación para a mellora das relación humanas, mediación empresarial, cosmética, elaboración e distribución de cervexa, enxeñería industrial, e asesoría deportiva. Ademais, no stand nº1, a Cámara de Comercio de Pontevedra organizará o venres de 11:30 a 20:00 e o sábado de 12:00 a 15:00 o obradoiro ‘Aprende a te Financiar’. Adxuntamos o programa co listado completo de participantes e actividades.
Alberto Oubiña, concelleiro de Novas Tecnoloxías e Normalización Lingüística de Pontevedra, animou a participar nun evento no que “todos imos aprender moito” e destacou a actividade “FuckUp Nights” organizada desde o Concello en colaboración coa Universidade e programada para o venres 25 na Casa da Luz, na que “coñeceremos unha das chaves de mellora do emprendemento: como aprender a como non aprender, a partir dos fracasos individuais e colectivos dos participantes, que serán emprendedores locaisn aos que o Concello quere apoiar para xerar riqueza e postos de traballo na cidade”.
As Fuck Up Nights (FUN) son unha experiencia nacida en México a raíz da pequena conversa entre un grupo de amigos emprendedores no que compartiron non os éxitos do seu traballo, senón os erros que cometeron polo camiño.
A primeira FuckUp Night Pontevedra tivo lugar dentro do Festival de emprego e innovación que organizaron os participantes de Colabora 2015, un plan de emprego posto en marcha polo coworking Espacio Arroelo. Nesta nova edición, organizada pola Concellería de Promoción Económica, Emprego e Turismo de Pontevedra, realizaranse diversas actividades para implicación dos asistentes e favorecer a conversa aberta cos tres poñentes e ensinaranse técnicas para cambiar o punto de vista no fracaso. Neste caso os poñentes serán 3 exemplos de empresarios da propia cidade do Lérez que contarán brevemente a súa experiencia.
A actividade está aberta ao público e non necesariamente dirixido a emprendedores, polo que os interesados poden inscribirse no seguinte enderezo: funpontevedra@gmail.com ata o vindeiro 24 de setembro.
Esta é precisamente a filosofía das FUN, calquera experiencia empresarial, máis se cabe o emprendemento, atopa no camiño trabas e erros que supoñen malas experiencias, pero dos que se aprende e que poden supoñer un xiro de estratexia relevante para acadar novas metas. Un novo enfoque ante os fracasos é o que ensinan as FUN, nas que se poden compartir minutos con outros emprendedores que superaron trabas e incluso son a día de hoxe recoñecidos empresarios. En definitiva expor os propio fracaso como terapia para un mesmo e como aprendizaxe para os demais.
Esta experiencia creceu exponencialmente e, a día de hoxe, replícase en máis de 80 cidades de máis de 30 países. Polo tanto supoñen un movemento mundial no cal se contan historias de fracaso de negocios para aprender deles. En cada edición tres oradores narran a súa historia de fracaso en 10 imaxes e 7 minutos.
Por iso a experiencia vai máis alá do encontro entre emprendedores, non emprendedores e poñentes, foi a semente de diversos estudos enfocados cara ao fracaso e ás experiencias profesionais e empresariais. Así, por exemplo, en México o equipo das FUN conseguiu identificar as 5 causas principais do fracaso empresarial e elaborar o Libro do Fracaso 2015. Dado o éxito e o uso do estudio en universidades e organismos gobernamentais, o estudio replicarase en 5 países entrando en maior profundidade con máis segmentos emprendedores.
Enorme éxito de convocatoria
Pedro Figueroa, director Pont-Up Store, destacou “o enorme éxito de convocatoria desta edición na que se conseguiu o dobre de candidaturas do obxectivo inicial, e houbo que facer un esforzo para combinar as distintas modalidades de participación para dar o máximo número de oportunidades aos emprendedores”. Engadiu que houbo “un incremento significativo de candidaturas procedentes de fora da provincia de Pontevedra e destacou a presenza de empresas procedentes to resto de España, mesmo unha rexistrada en Irlanda, unha sorpresa tendo en conta que o ámbito da promoción limitábase a Galicia”. Tamén sinalou a “variedade das propostas emprendedoras, cunha ampla presenza de empresas de base tecnolóxica“. Por último, Figueroa afirmou que “o futuro de Pontevedra é que se instalen aquí emprendedores e que se convirta nunha cidade innovadora”.
Pola súa parte, o vicerreitor do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo Juan Manuel Corbacho Valencia, explicou que a Universidade programou dentro das Xornadas de Emprendemento, en distintas facultades, “actividades nas que exalumnas e exalumnos falarán da súa experiencia como emprendedores”; e na Casa das Campás actividades gratuítas abertas á cidadanía para promover o emprendemento feminino e o coñecemento das novas tecnoloxías nos procesos de emprendemento. Tamén afirmou que esta edición supón un “gran paso adiante” que “consolida á cidade de Pontevedra como un espazo de referencia para emprendedores”.
Xornadas de Emprendemento
O encontro contará cunhas xornadas previas que comezarán o próximo martes 22 de setembro e se estenderán ata o venres 25, nas que se desenvolverá un extenso programa de charlas, mesas redondas, obradoiros, networkings e demostracións, con poñentes de primeiro nivel no ámbito galego que virán compartir as súas experiencias, o seu coñecemento e o seu tempo cos participantes (programa adxunto e descargable tamén en www.pontupstore.com).
Entrega de Premios
O sábado 26 ás 20:30, na zona multiusos do recinto do Pont-Up Store terá lugar o acto de clausura no que se entregarán os premios aos mellores proxectos de emprendemento do encontro.
O Pont-Up Store está dirixido a novos emprendementos con menos de 3,5 anos (42 meses) dende a creación da empresa. Participar é de balde, pero os emprendedores seleccionados tiveron que superar un proceso de selección no que se aplicaron criterios de valoración sobre o grado de innovación para o mercado, sustentabilidade e valor social (no caso de emprendemento social), creatividade da proposta de actividades e de dinamización do evento.
O Pont-Up Store centra os seus esforzos no incremento da cultura emprendedora na sociedade, e o seu principal obxectivo é facilitarlles aos novos emprendedores un espazo para visibilizar e promover a súa marca, os seus proxectos empresariais e a busca de financiación externa; ademais de ofrecerlles un lugar onde testar e vender os seus produtos ou servizos e proporcionarlles un espazo de relación e intercambio de experiencias con diferentes axentes do ecosistema emprendedor. O encontro pretende tamén animar a futuros emprendedores a concretar a súa idea de negocio a través do coñecemento de proxectos e experiencias doutros emprendedores, e promover a cultura do emprendemento con novos formatos e espazos de integración entre os emprendedores e a sociedade, ao tempo que se lles proporciona aos visitantes unha experiencia de ocio e aprendizaxe, nun espazo urbano de referencia internacional, dinamizando a cultura e a economía local. O Pont-Up Store está promovido pola Universidade de Vigo (Campus de Pontevedra) e conta co patrocinio principal do Concello de Pontevedra e outras entidades públicas e privadas (Consello Social da Universidade de Vigo, Zona Franca de Vigo, Abanca, Deputación de Pontevedra e Igape, entre outros). O seu comité organizador está integrado por un equipo entre os que se atopan docentes da Universidade de Vigo, emprendedores que participaron na pasada edición e representantes do emprendemento social.