O triatleta campión do mundo residente en Pontevedra, Javier Gómez Noya será o pregoeiro das Festas da Peregrina 2015. Foi presentado onte polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, quen destacou que “é o pregoeiro máis internacional e o deportista máis laureado do Estado”.
O pregoeiro que está nestes días en Pontevedra, pero marcha a vindeira semana a disputar en Brasil unha competición internacional, explicou que levaban anos tentando coincidir as súas datas de adestramento coa lectura do pregón, pero até este ano non foi posíbel. E aínda así, tivo que renunciar a unha concentración en altura que estaba disposta para estar en Pontevedra nesas datas.
Aínda que ten ideas de como será o pregón, aínda non se puxo mans á obra, pero ten claro que falará do que el sabe: deporte. Agradeceu esta posibilidade á cidade e aos pontevedreses.