O Concello de Pontevedra xa ten no departamento de Contratación o proxecto de reurbanización da parcela anexa do campo municipal de Pasarón, na avenida da Coruña. Segundo explicou o concelleiro delegado da zona urbana, Luís Bará a parcela ten unha superficie de 3.486 metros cadrados na que se pretende actuar para resolver problemas de estética xeral porque non é o acceso máis idóneo á grada do campo, problemas de accesibilidade; seguranza para crear un espazo onde se sitúen os vehículos de emerxencia necesarios cando se celebra unha competición deportiva no campo; e crear, tamén, un espazo polivalente.
A obra plantea tres ámbitos de actuación:
- A creación dunha plataforma de cinco metros de ancho, máis próxima á grada para facilitar o acceso das persoas ao campo. Terá unha rampa de acceso cunha pendente dun 8% dende a rúa Luís Otero. Esta é unha zona con diferentes cotas de altura. Irá pechada cun muro de formigón cunha altura variable, de arredor 1,5 metros.
- Unha zona central de estacionamento dos vehículos de emerxencia nos días de encontros deportivos. Nos días nos que non haxa competición, o estacionamento será libre. O acceso a esta parte será pola rúa Luís Otero e tamén pola avenida da Coruña, aínda que non polo acceso actual, senon máis abaixo.
- Unha última será unha zona verde de 1.200 metros cadrados que percorre toda a parcela, dende a rúa Luís Otero até a avenida da Coruña. Levará céspede, rego automático, e soterrarase unha liña telefónica que na actualidade. Tamén se eliminará o peche de rede actual e cintarase o muro de mampostería.
Como mellora do proxecto, o Concello inclúe o acondicionamento do paso entre a igrexa do Burgo e a avenida da Coruña, que ten unhas dimensións reducidas.
O orzamento de licitación é de 241.823,45 euros.
Luís Bará lembrou que no mes de febreiro o Concello de Pontevedra asinou un convenio de colaboración coa Deputación provincial na que o Concello se comprometía á redacción do proxecto e a sacalo a licitación. A Deputación financiaba o proxecto ao 50%.
A previsión é poder sacar a contratación o proxecto unha vez que estean todos os informes pertinentes, e executalo neste mesmo ano.