A Xunta dá luz verde á modificación puntual do PXOU para prohibir os crematorios en solo residencial

A Concellería de Urbanismo traballou con seriedade, buscando un equilibrio entre os intereses dos veciños, os intereses das empresas e, sobre todo, o interese xeral de Pontevedra. Así o considera o tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, despois de estudar a resolución da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de non someter a Avaliación Ambiental Estratéxica a modificación puntual do PXOU que regula as condicións urbanísticas para a instalación de crematorios.
Louro, que coñeceu esta mañá a decisión da Consellería a través da web da Xunta, está moi satisfeito do contido da resolución porque acredita, en plena coincidencia cos argumentos do Concello, que era necesario abordar esta regulación específica dos crematorios diante da carencia dunha normativa específica da Xunta de Galicia, diante da obsolescencia do Plan Xeral de Ordenación Urbana de Pontevedra e diante da alarma suscitada entre a poboación pola proliferación de ata cinco solicitudes de instalación deste tipo de fornos mortuorios.
O tenente de alcalde entende que con esta modificación do Plan quedará resolto o problema dos crematorios en termos razoables e, ademais, coa máxima seguridade xurídica. Os fornos non poderán instalarse en solo urbano, nin en solo de núcleo rural e quedarán restrinxidos aos cemiterios, aos polígonos industriais e ao solo rústico, previa aprobación dun Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións. En todos os casos, deberán estar a unha distancia mínima de 50 metros das vivendas.
Unha vez desbotado trámite de Avaliación Ambiental Estratéxica, o proxecto de modificación do PXOU será sometido a aprobación inicial en Pleno canto antes, o que daría paso a unha nova suspensión de licenzas para un período máximo de dous anos. Non obstante, Louro anticipa que a súa intención e axilizar os trámites seguintes (exposición ao público e aprobación provisoria) para dar paso á aprobación definitiva, que corresponde novamente á Xunta de Galicia.
Antón Louro está satisfeito dos avances que se están producindo neste expediente e lembra que xa hai algúns meses, o Xulgado do Contencioso-Administrativo desestimou a solicitude de suspensión cautelar da decisión municipal de paralizar as licenzas e modificar o Plan.
O tenente de alcalde lembra tamén que a Concellería de Urbanismo tiña un prazo dun ano (que conclúe o próximo mes de decembro) para aprobar inicialmente a modificación do Plan. Está claro, insiste, que estamos movendo este asunto con rapidez e seriedade e ben apoiados nos informes dos técnicos municipais para cubrir un baleiro normativo tanto da Xunta como do propio Concello e regular definitivamente unha actividade lexítima e necesaria, pero que, ao mesmo tempo, suscita certo nivel de alarma social.

Compartir publicación: