A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a contratación do arquitecto Xaquín Moreda González, arquitecto experto na elaboración dos plan específicos de infraestruturas nas parroquias de Pontevedra. Segundo resumiu o portavoz do Goberno, Raimundo González, un dos eixos deste mandato é a vertebración e cohesión social nas parroquias do rural pontevedrés coa creación de núcleos de centralidade, tal e como comprometeu o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores na súa toma de posesión.
Os obxectivos dos Plans específicos de infraestruturas das parroquias serán:
1. Potenciar a identidade parroquial.
2. Vertebración e cohesión social, e creación de núcleos de centralidade parroquial.
3. Mellora da calidade de vida, achegando o modelo do centro e dos barrios urbanos ao rural.
Os contidos dos plans específicos das parroquias desenvolveranse en varios ámbitos:
1. Posta en valor do patrimonio cultural.
a. Patrimonio material: patrimonio arqueolóxico, arquitectónico e etnográfico. Medidas: recollida de información, estudo, catalogación, protección normativa, actuacións de fomento e mellora: restauración, sinalización, divulgación, aproveitamento social, educativo, turístico…
b. Patrimonio inmaterial: toponimia, literatura oral, costumes e tradicións… Medidas: recollida de documentación verbal e audiovisual, accións de divulgación e posta en valor.
2. Posta en valor do patrimonio ambiental.
a. Cursos de auga, humedais… Medidas: recollida de información, estudo, restauración, actuacións de mellora, sendas…
b. Terreos forestais, demais territorio… Medidas: recollida de información, melloras, parques forestais…
3. Mellora da mobilidade.
a. Infraestruturas. Medidas: ordenación/reordenación de usos, potenciación da mobilidade amábel, dotación de beirarrúas, sostemento de pavimentos.
b. Seguranza viaria. Medidas: limitación de velocidade, calmado do tráfico, sinalización…
4. Mellora de servizos.
a. Auga e saneamento. Medidas: potenciación de traídas veciñais, subministro público en zonas nas que se necesite, completar a rede de sumidoiros con racionalidade.
b. Iluminación pública. Medidas: completar e mellorar a rede, iluminación de elementos senlleiros…
c. Recollida de RSU´s e outros. Medidas: reaxuste de certos elementos do servizo, información sobre punto limpo, vía para actuar sobre animais abandonados…
5. Dotacións e equipamentos.
a. Centros cívicos. Medidas: completar a rede de centros cívicos onde sexa prioritario, medidas de xestión que optimicen o aproveitamento e os custes.
b. Parques, espazos públicos, áreas de xogo. Medidas: sostemento dos actuais e completar con novos tendo en conta criterios de maior uso e menor sostemento; potenciación das actuacións nos núcleos de centralidade parroquial.
Os procesos de elaboración dos plans específicos das parroquias terán unha duración estimada de 12 meses. O proceso abrirase cunha primeira explicación e debate en paralelo á constitución dos consellos parroquiais, desenvolverase un proceso de información e debate co obxecto de que este proxecto sexa compartido polos axentes sociais da parroquia. Farase nos meses de setembro e outubro.
En segundo lugar será unha recollida de demandas: en cada un dos apartados do plan recolleranse as demandas e propostas dos veciños e veciñas. Con este obxecto poderanse crear grupos de traballo no concello parroquial. A duración estimada desta fase é de catro meses.
Valoración económica: unha vez recollidas as demandas debe facerse unha aproximación aos seus custes reais tanto económicos como de outros medios.
A continuación haberá unha priorización e secuenciación dos proxectos: unha vez coñecidos os custes, farase unha priorización cos axentes sociais da parroquia.
A aprobación do plan abrirase unha vez recompiladas as propostas e valoracións e establecida a priorización e secuenciación. O Plan será sometido a exposición pública na parroquia e, unha vez recollidas as achegas e alegacións, aprobarase definitivamente.
Tamén está previsto un seguimento do plan no Consello parroquial cada tres meses, e cada ano procederase á súa actualización.