Día a día a cidade de Pontevedra vaise somerxendo no século XV. Dende a Concellaría de Festas estanse a montar decorados e a ambientar todo centro histórico para celebrar este venres e sábado a IX Feira Franca. Esta festa baséase no privilexio concedido polo rei Henrique IV no ano 1467, en virtude do cal se autorizaba a celebración dun mercado libre de impostos de un mes de duración, quince días antes e quince días despois do 24 de agosto, festividade de San Bartolomeu.
Na súa presentación, a concelleira de Festas, Anxos Riveiro quixo destacar a colaboración de todas as asociacións e colectivos que integran o Consello Aberto da Feira Franca que se encargan de encher de contido os dous días de xornadas festivas.
A presente edición da Feira Franca desenvólvese baixo o lema “Camiñantes” tratando de recoñecer a importancia de todos aqueles que se achegaban a Pontevedra pola súa actividade económica, por motivos espirituais…
Como en edicións anteriores, a Feira Franca circunscribirase ao casco histórico así como á Alameda e as Palmeiras. A súa vez, todo o centro histórico estará dividido en diversas actividades: na Ferraría haberá a tradicional recreación histórica de oficios; na avenida de Santa María estarán os postos dos artesáns; a Alameda e nas Palmeiras estará habilitada para xantes e ceas, aínda que na Alameda tamén haberá postos de alimentación ao igual que na Ferraría e en Curros Enríquez.
A concelleira pediu a colaboración de todos os residentes e hostaleiros do centro histórico para que decoren as súas fachadas, fiestras, portas para tratar de somerxer á cidade no século XV.
Tamén pediu a máxima colaboración de todos os participantes na Festa, especialmente daqueles que van gozar dunha cea ou un xantar. Pediu que acaten as normas e os dispositivos de seguridade establecido “para garantir un correcto desenvolvemento da festa”, na que colaborarán Policía Local, Protección Civil, Bombeiros, Cruz Vermella…