- O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, desprazáronse até as instalacións situadas na parroquia de Xeve para asistir ás probas e gravacións de vídeos demostrativos do precursor prototipo
O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, desprazáronse esta tarde até o campo de fútbol de Gatomorto (na parroquia de Xeve) para asistir ás probas e gravacións de vídeos demostrativos do precursor prototipo para lanzar balóns a terreos de xogo desenvolvido polo inventor e emprendedor pontevedrés Diego Roel. Este novidoso sistema, especialmente pensado para protexer o fair play e facilitar a desinfección das pelotas neste contexto de Covid-19, foi testado coincidindo cun adestramento dos xogadores do Pontevedra Club de Fútbol.
Tal e como sinalou Tino Fernández, “o prototipo da máquina de Roel, que supón unha auténtica revolución neste eido, xa foi patentado a nivel nacional e internacional, coa mellor nota posible ademais, e agora aspiramos a que poida entrar no plan de innovación da Fifa, de xeito que o poidamos ver instalado en campos de fútbol de todo o planeta”. “A Concellería de Deportes está moi entusiasmada coas posibilidades dun invento co que colaborou na achega de medios humáns e materiais para a realización destas gravacións nas instalacións deportivas municipais de Gatomorto, en coordinación co Pontevedra Club de Fútbol. Non podemos estar máis orgullosos de que un pontevedrés desenvolvese unha máquina tan innovadora e axudaremos no que poidamos a que este prototipo de lanza balóns acade a homologación na Fifa”, subliñou o edil socialista.