Na documentación presentada por Adif non aparece recollido quen se fará cargo dos bombeos dos túneles, imprescindíbeis para o seu uso
O proxecto dividirá a parroquia en dous cunha fenda insalvable e é posíbel sinalar neste problemáticas de mobilidade, seguridade e accesibilidade
O concelleiro e coordinador do rural na parroquia de Lourizán, Alberto Oubiña, compareceu esta mañá de xoves, 4 de agosto, co fin de contextualizar e ofrecer as últimas informacións relacionadas co proxecto de supresión dos pasos a nivel da praza dos Praceres.
Desta volta, o Concello vén de remitir un informe municipal que garda relación co expediente de expropiación forzosa que se está a tramitar por parte de Adif. Nese sentido, é sabido que a entidade pública empresarial adscrita ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana pretende realizar o soterramento dos pasos para persoas e vehículos no lugar, proxectando dous túneles distintos.
Estes pasos soterrados levan cadansúa beirarrúa e, nun deles, escaleiras. Ademais, a vía do tren quedaría tupida por completa impedindo o cruce a nivel, partindo a praza dun xeito total, o que consumaría a división da parroquia en dúas partes.
«Xa o dixemos daquela e seguímolo a dicir. Con cada persoa que falamos na parroquia, cada veciño, sempre nos din o mesmo. Que é unha aberración, un disparate que só se lle puido ocorrer a alguén que deseñou un proxecto desde Madrid sen pisar este lugar; e, se o fixo pisando o territorio, é de folla revirada», explica Oubiña.
Así, nos informes dos servizos técnicos municipais emitidos polo Concello, queda claro que se xerarán problemas de mobilidade peonil e de seguranza, sen accesibilidade universal ao carecer de ramplas no proxecto, e «coa documentación facilitada non é posible determinar se se permite o paso a vehículos de emerxencia xa que non queda claro se se cumpre o gálibo necesario para acceder á praza».
Outro elemento que non está claro na documentación emitida por Adif fai referencia á inexactitude á hora de explicar quen ou que entidade se fará cargo dos bombeos, necesarios e obrigatorios para manter despexados os túneles. De tal xeito, a xefa de patrimonio do Concello emitiu un informe incorporado ao expediente nesta ocasión no que lembra que «o concello non debería asumir de ningún xeito o mantemento dos bombeos necesarios para evacuar as augas pluviais dos pasos inferiores, debido a que se trata de elementos funcionais derivados dunha necesidade provocada pola propia infraestrutura ferroviaria que deberá ser quen asuma os gastos e consecuencias da súa xestión e explotación».
A problemática sobre esta cuestión non remataría aquí, xa que hai que ter en conta a enerxía que van consumir funcionando constantemente estes aparellos baixo a capa freática, amais do ruído que emitirán e que amolará aos veciños. «E no caso de fallar? E se hai unha emerxencia? Quen se vai facer responsábel? Quedarán as vivendas illadas? E a igrexa? E o centro escolar? E a praia? E o parque infantil? Adif está esmagando Lourizán unha vez máis contra o criterio do Concello de Pontevedra», sinala o edil.
Desde o Concello sinálase que este semella ser un caso de reformatio in peius, aquel no que o novo proxecto e a súa execución é aínda peor que o proxecto anulado por sentenza xudicial con anterioridade. «A veciñanza de Lourizán debe saber que desde o Concello estamos do seu lado. Non queremos unha nova navallada na parroquia. Propoñemos que, como xa fixemos no 2013 en acordo unánime do Pleno, se modifique o actual trazado e se traslade a vía do tren fóra da praza dos Praceres», finalizou o concelleiro.