Alfonso XIII pecha ao tráfico ao partir do día 13 para volver a converterse no patio escolar do Froebel

O réxime da rúa volverá ao mesmo que a finais de xuño, cando rematou o curso: pechado ao tránsito de vehículos de 11.30 a 12.15h durante o recreo, e logo pasa a uso residencial e de servizos.

A medida foi solicitada polo colexio ao concelleiro Demetrio Gómez que pediu que se habilitase a partir do mércores.

A Concellaría de Obras e Mobilidade volverá a pechar a rúa Alfonso XIII a partir do vindeiro mércores, 13 de outubro, para que se volva a transformar en patio escolar do Colexio Froebel. O réxime de uso desta rúa será exactamente igual á do ano escolar anterior, o que houbo até finais de xuño: estará pechada tres cuartos de hora, entre 11.30 e 12.15 horas, e o resto do día quedará para uso residencial e de servizos.

A primeiros de curso, o colexio Froebel púxose en contacto co concelleiro de Obras, Demetrio Gómez para ver a posibilidade de volver a transformar a rúa Alfonso XIII en patio escolar. Dende o Concello se lles informou que non había ningún inconveniente e que se pecharía cando a comunidade escolar o solicitase.

Unha vez que o centro de ensino solicitou os permisos necesarios ante a Consellería de Educación, a dirección do Froebel vén de poñerse en contacto con Demetrio Gómez para solicitar o peche a partir do vindeiro mércores, 13 de outubro.

As medidas que adoptará a Concellaría nesta rúa son as mesmas que as que puxo en marcha o pasado 5 de xaneiro, cando materializou o peche por primeira vez para transformar a rúa en patio escolar.

Estará prohibido o paso de vehículos de ningún tipo entre as 11.30 e as 12.15 horas momento do recreo dos escolares. As medidas físicas que impedirán o tránsito serán a colocación de morróns (bolardos) no cruzamento da rúa Alfonso XIII coa praza Concepción Arenal, e un sinal en Echegarai advertindo das restricións. 

O resto do día, a rúa quedará soamente para uso de residentes (acceso a garaxes, servizos…) e tamén para carga e descarga dende a rúa Echegarai, polo que se elimina o aparcadoiro de servizos e se habilita o dobre sentido de circulación.

Cabe lembrar que os centros de ensino seguen mantendo estritos protocolos sanitarios neste curso académico para evitar a propagación da pandemia Covid, polo que o Colexio Froebel tiña serios problemas de garantir os recreos de todos os cativos e cativas durante a xornada escolar.

Esta medida tamén a empregara o Colexio Doroteas que nesta ocasión non se puxo en contacto co Concello, pero que poderá facer uso da rúa ao igual que no pasado curso, no caso de que así o considerase.

O concelleiro Demetrio Gómez explicou que esta medida, similar á adoptada no seu día na praza de Barcelos e o colexio homónimo, pretende fornecer aos alumnos e alumnas dos centros de ensino da rúa dun espazo axeitado para poder saír durante o descanso das aulas, xa que en moitos casos non o poderían facer durante unhas 5 horas.

Compartir publicación: