Un compromiso integral co planeta e con Pontevedra
Que é ser Responsábeis?
01
Coidar o planeta é
coidar de nós.
“Responsábeis” é a mostra do compromiso global coa conservación do planeta.
02
Cada xesto conta,
cada día suma.
Como movemento integral, “Responsábeis” vai máis aló das clásicas campañas verdes, queremos asumir un papel activo e consciente en todas as facetas da nosa vida que impactan na contorna.
03
O cambio comeza
con cada un de nós.
“Responsábeis” é unha invitación aberta e un chamamento a toda a sociedade pontevedresa á acción, para tecer todos xuntos o futuro da nosa cidade.
04
Pensar no mañá,
actuar hoxe.
Cada acción ten unha repercusión directa no futuro que estamos a construír. Ser responsable é loitar por garantir un legado sostible para as vindeiras xeracións.
05
Facer de Pontevedra un
lugar para vivir mellor.
Queremos ir máis aló das palabras, acompañando e transformando a conciencia con accións concretas e visíbeis que melloren a calidade de vida de todos e todas, garantindo o benestar da nosa comunidade.
Chamamento
á cidadanía
A Pontevedra que soñamos —máis verde, máis sostible e máis humana— non se constrúe só con grandes proxectos. Constrúese, sobre todo, día a día, coas pequenas e grandes decisións de quen vivimos nela. “Responsábeis” é unha chamada a toda a sociedade pontevedresa.
A ti,
cidadán
Que es responsábel na casa, ao separar correctamente os residuos; na rúa, ao respectar os espazos públicos; e nas túas eleccións diarias, ao consumir de forma consciente. Cada xesto, por pequeno que pareza, é unha peza fundamental desta engrenaxe.
A ti, empresario ou comerciante
Motor económico e social da cidade, que sodes responsábeis en adoptar prácticas sostibles, en innovar para reducir o voso impacto ambiental e ser un exemplo de compromiso para os vosos clientes.
A vós,
asociacións
Corazón da comunidade, sodes responsábeis para mobilizar, concienciar e impulsar iniciativas que fagan dos nosos barrios lugares máis amables e respectuosos coa contorna.
A nós,
institucións
Responsábeis de liderar co exemplo, impulsando políticas valentes, facilitando as ferramentas para que este cambio colectivo sexa posible e levando acabo proxectos tanxibles.
Obxectivos
para un futuro
sostible
“Responsábeis” artéllase arredor de obxectivos que reflicten unha visión holística da sustentabilidade.
Promover a conservación do planeta e a redución da pegada ecolóxica.
Fomentar un estilo de vida que minimice o noso impacto no medio ambiente, promovendo o consumo consciente, a eficiencia enerxética e o respecto pola biodiversidade.
Garantir unha xestión eficiente e responsable dos recursos municipais.
Optimizar os recursos vitais como a auga, a través de políticas de aforro e concienciación que eviten o seu mal uso.
Potenciar unha economía circular a través da xestión de residuos.
Reforzar a mensaxe da necesidade imperiosa de separar os residuos de forma correcta —separar, separar e separar—. Trátase de entender os residuos non como lixo, senón como recursos que poden e deben ser reincorporados ao ciclo produtivo.
Apoiar decisións políticas na defensa do ben común.
Xerar un consenso social que respalde medidas, por veces consideradas polémicas, que prioricen a sustentabilidade e o interese xeral a longo prazo, como a peonalización de rúas ou a reorganización do tráfico para favorecer unha mobilidade máis amable.
Crear, recuperar e poñer en valor os espazos públicos.
Transformar a cidade nun lugar máis habitable, devolvéndolles aos cidadáns espazos antes degradados ou dominados polo tráfico, e converténdoos en lugares de encontro, lecer e contacto coa natureza.
Ser “Responsábeis” non é un simple lema senón o motor que impulsa a construción dun futuro máis verde, máis saudable e máis xusto para todos. Porque o cambio, en toda a súa amplitude, comeza con cada un de nós.
SEXAMOS RESPONSÁBEIS.