Ponte do Burgo - catálogo exposición

Rodrigo Cota Escritor Ninguén saberá xamais quen foi a primeira persoa que cruzou o río Lérez camiñando sobre as súas augas. Só sabemos que o foi fai uns 2.000 anos, que con toda probabilidade viña de Roma e que o fixo sobre a ponte do Burgo, que non se chamaba así nin era a mesma que hoxe vemos. Cando os romanos marcharon, o asentamento quedou abandonado e a ponte seguiu en pé. Moito despois, alá polo século XII, dous documentos refírense á ponte. « Vetula Ponte», chámanlle nun; «Pontus Veteris», no outro. Unha e outra cousa significan o mesmo: ponte vella. A antiga Turoqua romana converteuse niso: nun lugar no que había unha ponte vella, e así se bautizou a Pontevedra. Xunto aos restos da vella ponte romana fíxose a actual ponte do Burgo. A única que tivemos durante séculos e séculos. A que nos comunicaba, a que nos sacaba do illamento. Durante as últimas décadas Pontevedra empezou a encherse de pontes. Pontes modernas que ían deixando á nosa ponte, outra vez vella, convertida nunha especie de irmán menor entre tanto alarde arquitectónico e tantas alternativas para entrar e saír da cidade. Pontevedra tiña unha débeda coa nosa ponte do Burgo. Era unha cuestión de xustiza que esta volvese ser a nosa mellor ponte. A ponte do Burgo seguirá sendo a que nos conecta co noso pasado, pero tamén a que nos transporta ao futuro. Unha ponte luminosa e bela que non volverá ser mancillada por motores nin ruído nin fumes. Deixará de ser unha ponte vella para volver ser unha ponte antiga. E será,aá vez, a máis moderna das nosas pontes e volveremos utilizala para aquilo para o que foi construída: para camiñar. A mellor maneira de construír a Historia é respectándoa. Pontevedra, que se converteu na cidade que protexe ao camiñante, ofreceralle agora a súa mellor ponte, a súa antiga ponte nova, para que todos, pontevedreses ou forasteiros, sintan o orgullo de camiñar sobre as augas do Lérez. Camiñando sobre as augas

RkJQdWJsaXNoZXIy MTEwNTI=