Ponte do Burgo - catálogo exposición

Nada hai máis rotundo e definitorio na historia de Pontevedra que a ponte do Burgo, ese vencello umbilical da cidade coas terras do norte, esa despedida para os peregrinos que toman camiño da Santiña para dirixirse a Compostela e tamén esa vía histórica de acceso á nosa cidade. Non sabemos ben onde estaba a antiga ponte romana, pero sí que existía e que probablemente foi a que nos deu este nome tan relacionado coa enxeñería, coa comunicación, co diálogo, coa unión das xentes que cooperan para chegar máis lonxe. Desde que hai noticia da existencia de Pontevedra, ahí está a ponte, pletórica, derrubada, ampliada, noviña, avellentada, destrozada pola riada ou invadida polos coches. Son 800 anos de vaivéns nos que cada tempo proxectou o seu coñecemento, os seus avances e as súas limitacións. Hoxe, día en que Pontevedra é un referente internacional de mobilidade e xestión sustentable, o que fomos chamando modelo de cidade avanza un chanzo máis na fermosa misión de recuperar as xoias que nos deixaron en herdanza os devanceiros. Se primeiro lle tocou ao centro histórico, despois ao río, á Peregrina, se contribuimos á grandiosidade de Santa María, ás murallas do Campiño, a darlle un novo pulo ao foxo das Torres Arcebispais creando o CITA, ao xacemento de García Escudero, se vemos como o Museo de Pontevedra continúa o seu labor de dinamización e posta en valor do patrimonio da capital, tiñamos que dar un novo pulo á centenaria ponte, grazas á que nacemos, subsistimos e aquí seguimos. Hoxe é hora de actualizar esa magnífica obra humana e adaptala aos tempos que corren. Á tecnoloxía actual, ás novas funcións derivadas da mobilidade urbana que nos permite recuperar a ponte coma se fose unha gran praza lineal entre o centro histórico e O Burgo. En diante, a ponte será un lugar para proxectar a nosa vida colectiva, para expresar ao mundo o noso sentimento solidario, para desenvolver eventos, competicións, festas... un espazo máis entre os moitos que xa ten Pontevedra para ser o escenario de vida e alegría que todos queremos que sexa. E tamén queremos que teña ese carácter icónico que sempre tivo como símbolo urbano, pero reforzado cunha iluminación espectacular que ensalce o monumento e o convirta en centro de atracción. Quero agradecer a todas as persoas que colaboraron nesta exposición e compartir con elas e con todas as veciñas e veciños de Pontevedra a alegría de ver a nosa ponte recuperada, relocente e recoñecida como centro da nosa vida pública. Mil anos máis para a Ponte do Burgo, que xa sempre levará con ela esta nova achega do noso tempo. Miguel Anxo Fernández Lores Alcalde de Pontevedra Mil anos máis de vida!

RkJQdWJsaXNoZXIy MTEwNTI=