Pontevedra, primeira cidade galega recollida no proxecto Litheum da UDC para o estudo de eficiencia enerxética e a súa mellora 

1
Trátase dunha aplicación accesíbel a través do navegador que permite realizar estimacións de consumo enerxético e das posíbeis melloras e os seus resultados nas vivendas da Boa Vila 

O edil de Urbanismo, Alberto Oubiña, presentou esta mañá o proxecto Litheum, un proxecto realizado desde a Universidade da Coruña da man do profesor Jorge Rodríguez Álvarez e os alumnos Erick Morales, Natalia Alvaredo, Tirso Varela e Vicente López.

O proxecto tiña como obxectivo inicial desenvolver un innovador modelo urbano de demanda de enerxía da edificación integrado nunha plataforma en liña, ao tempo que permite realizar estimacións dos efectos de políticas e plans de eficiencia enerxética nas cidades.

Na práctica, e tal como sinalou o concelleiro, «ofrece un modelo de cálculo de demanda enerxética en edificios residenciais, creando mapas interactivos de cidades e de territorios para estimar o aforro enerxético potencial no caso de, por exemplo, facer unha reforma nunha vivenda unifamiliar ou nun edificio».

O concello de Pontevedra foi o escollido para realizar a súa primeira proba, tal e como pode ser consultado a través da súa web https://litheum.citic.udc.es/es/. Desde aí é posíbel consultar a estimación enerxética de máis de 5.000 edificacións en chan pontevedrés. 

«O grupo de traballo leva ano e medio traballando neste proxecto que ofrece unha ferramenta moi interesante, que lle servirá tanto ao Concello de Pontevedra e aos seus técnicos, como aos propios propietarios das vivendas e comunidades de veciños, ou aos técnicos especialistas en reformas de eficiencia enerxética», explicou Oubiña. 

Pola súa banda, Jorge Rodríguez Álvarez lembrou que se ben pode haber ferramentas xa existentes e semellantes, ningunha é igual a Litheum, xa que ofrece un forte elemento interactivo —ao non limitarse a ofrecer unhas cores ou unhas capas de información—, permitindo mudar parámetros e solicitar nova información; ademais de poder accederse a ela a través do explorador de Internet

O concelleiro Alberto Oubiña quixo destacar que resulta «moi interesante» o uso desta nova ferramenta «que é gratuíta, doada de empregar e totalmente accesíbel». «Garante cousas positivas para a cidadanía, para as empresas e para a Administración á hora de falarmos de eficiencia enerxética», finalizou.