O Concello avanza na resolución e aprobación de novas licenzas urbanísticas para a cidade e a súa contorna 

25
A Xunta de Goberno Local dará luz verde este xoves a distintas solicitudes que van desde a limpeza do muro de Santa Clara á construción dun novo edificio na rúa Virxinia Pereira 

O concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña, deu conta este mércores, 26 de xuño, das novas licenzas que se levarán esta semana á Xunta de Goberno Local para a súa aprobación. En total, trátanse de nove licenzas distintas en diferentes eidos que achegarán distintas mudanzas na cidade e a súa contorna.

Así, dentro das consideradas licenzas para rehabilitacións aparecen até dúas. Unha delas fai referencia a unha vivenda unifamiliar na rúa das Camelias, en Lourizán, que inclúe tamén unha pequena ampliación da mesma. A outra licenza permitirá a rehabilitación dun edificio plurifamiliar na rúa Xoan Manuel Pintos —poñendo o foco na eficiencia enerxética a través de paneis exterior ventilados.

Ao respecto das licenzas para cambios de uso, aparece un entresollado no número 24 da rúa San Antoniño, xusto enriba do bar Nós, que estaba como terciario local e pasará a ser residencial-vivenda.

No referido ás licenzas para ampliación de prazos de execución serían tres: a primeira delas sería para un remodelamento de vivenda na rúa Benito Corbal; a segunda, unha vivenda unifamiliar na rúa de Cobas e, en terceiro lugar, a residencia de estudantes de Abanca (que se amplía até o 14 de agosto).

Doutra banda, figuran as licenzas que derivan doutras administracións. De tal xeito, a primeira delas sería a solicitada pola Deputación de Pontevedra para a limpeza dunha parte do muro de Santa Clara, para estudar, facer seguimento e realizar unha análise deste elemento para comprender e saber que medidas se deberan tomar no futuro. «É unha solicitude de limpeza que é probábel que no futuro derive nunha solicitude de rehabilitación», explicou Oubiña. «Presentaron a petición o 17 de xuño e mañá xa ficará aprobada para este recorte de vexetación con medios manuais».

Seguindo coas demais licenzas, figura a concesión dunha licenza urbanística para execución de obras de construción, acondicionamento e instalación dun pavillón auxiliar e uso terciario no Pazo de Miradores, que se sitúa na parroquia de Salcedo. Tal e como indicou o edil, trátase dun espazo para comedor e servizos, ademais dunha zona de aparcadoiro eventual. A construción deste pavillón estaría fóra da zona de afectación do Pazo do século XVIII, catalogado no propio Plan Xeral de Pontevedra.

Por último, mañá será aprobada tamén en XGL a licenza de nova construción para un edificio de 33 vivendas situado na rúa Virxinia Pereira, solicitada pola promotora Bunac Promociones, tal e como foi informado no mes de marzo e sendo resolta en catro meses.