O Concello retira 300 metros de tubaxe de abastecemento da galería de servizos para subministrar a Marín, Bueu e o Porto 

28

O concelleiro Xaquín Moreda visitou a canalización dun by-pass entre a ponte da Barca e o gremio de Mareantes que se instala na beiravía da avenida das Corvaceiras ante a imposibilidade de reparar a galería de servizos.

O orzamento supera os 300.000 euros e o prazo de execución da obra é dun mes.

Neste momento os concellos veciños están sendo subministrados polo depósito de Castro Senín. 

O concelleiro de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda, acompañado do director xeral de Infraestruturas, Jesús Gómez, visitou esta mañá os traballos de instalación dun by-pass da tubaxe de abastecemento que o Concello de Pontevedra está a realizar na avenida das Corvaceiras. Trátase dunha obra de enxeñería que permitirá subministrar aos concellos de Marín e Bueu, e ao Porto de Marín, sen ter que empregar a galería de servizo que está pegada ao muro de contención da ría. O orzamento da intervención é de 307.445,80 .

Xaquín Moreda explicou que « a tubaxe do interior da galería -de servizos- descolgouse, está danada e o arranxo é case inviable » xa que os soportes que a suxeitan atópanse totalmente corroídos. A galería de servizo está por debaixo da capa freática e feita con bloques prefabricados nos que entra a auga do mar e dana as ancoraxes. 

Ante esa situación, o concelleiro decidiu aprobar unha actuación de emerxencia sacando a tubaxe da galería de servizo e facendo un by-pass duns 300 metros entre a ponte da Barca e o Gremio de Mareantes, que permita repoñer o servizo. Neste tramo, o abastecemento xa non volverá á galería de servizo.

Trátase dunha tubaxe de 500 milímetros « que hai que instalar antes do verán cando incrementa a poboación -en Marín e Bueu- e precisan máis subministro », indicou Xaquín Moreda. Neste momento, ambos concellos están sendo abastecidos polo depósito de auga de Castro Senín, e en canto se remate esta intervención volverase a subministrar por beiramar.

« Nós seguimos subministrando agua, colaboramos, intentamos ir o máis rápido posible e solucionar este problema para que os nosos concellos veciños non queden sen subministro e a poboación non quede sen  agua da traída », lembraba Xaquín Moreda.

A empresa que executa a obra é Viaqua e ten un mes para rematala.