Aprobada a contratación do subministro de reserva en casode emerxencia para o Hospital Montecelo 

6

A Xunta de Goberno aprobou un expediente de contratación por máis de 300.000 euros para realizar a obra civil e poder instalar unha liña de media tensión de reserva dende Mourente até o Hospital.  

A Xunta de Goberno local aprobou esta mañá o expediente de contratación para a instalación do subministro da rede eléctrica do novo Hospital Montecelo. Trátase dunha licitación por valor de 317.817,74 e un prazo de execución de 6 meses.

Na actualidade existe unha acometida e grupos electróxenos para garantir o subministro en caso de emerxencia. Con esta nova contratación, o Concello reforza a acometida actual cunha nova liña de media tensión de reserva, ao contratar a obra civil para levar a liña eléctrica subterránea dende a subestación de Mourente até Montecelo.

A tenente de alcalde Eva Vilaverde explicou que « con este novo investimento do Concello de Pontevedra garante e reforza que o suministro eléctrico chegue ao novo hospital de Montecelo ». 

Outros asuntos da orde do día

Outros asuntos tratados na Xunta de Goberno foi a ampliación do contrato de emerxencia do mercado de abastos. Fora adxudicado a Instalaciones Sedefri SL cun orzamento de 242.410,47 euros. O incremento é de 5.489,04 euros, por instalacións danadas que se detectaron ao ir facendo a obra.

Tamén se aprobou a ampliación do contrato de emerxencia por execución subsidiaria de obras de emerxencia na rúa do Ouro número 17. Foi adxudicado á Empresa Planificación, desarrollo y gestión de construcciones S.A cun orzamento de 59.000 euros. O incremento da emerxencia foi de 5.668,54 euros por demolición de tabiques interiores de distintas plantas por risco de caída, retirada de entullos e depósito en xestor de residuos.

A tenente de alcalde tamén informou de que se aprobou o expediente de contratación subministro de combustible para vehículos, maquinaria e calefacción do Concello. O orzamento total é 255.200 euros sendo no lote 1 de 151.200 euros para vehículos e maquinaria; e no lote 2: 104.000 euros para calefacción edificios municipais.

Tamén se abordou a segunda prórroga contrato de mantemento de ascensores e portas automáticas. Está adxudicado á empresa Ascensores Enor S.L. por un importe de 91.581,51 euros. A prórroga é dun ano, a partir do 31 de agosto, por un importe de 20.262,68 euros.

Asimismo tamén se aprobou a prórroga do convenio de colaboración con Hijos de Rivera para o fomento das actividades do verán Cultural de Pontevedra. A empresa fai unha achega de 30.000 euros ás festas, e permíteselle colocar un stand ou publicidade nalgún evento.

Tamén se aprobou en Xunta de Goberno a actualización das tarifas do estacionamento da praza de España nun 2,8% correspondente á variación o IPC entre febreiro 2023 e febreiro de 2024. O prezo con efectos 1 de Xaneiro de 2025, pasaría do 1,82 euros a 1,87 euros.

A Xunta de Goberno local aprobou a adxudicación á pirotecnia Penide dos fogos de ruído das festas de verán por valor de 16.063,96 euros por dous anos; a pirotecnia Penide a tirada de fogos de artificio en Santiaguiño e inicio da Peregrina por valor de 83.823,96 euros; e á pirotecnia Xaraiva os fogos de artificio de San Roque e da Peregrina por valor de 88.330 euros.

Santa María

Entre os asuntos da área de Urbanismo aprobados pola Xunta de Goberno Local destaca a licenza outorgada á Consellería de Cultura para a restauración da fachada principal e cubertas da cabeceira da Basílica de Santa María a Maior. Ten un orzamento de obra de 347.802,87 euros e un prazo de execución de 12 meses. Algúns dos moitos traballos que se farán son:

  • Renovación da cuberta da ábsida.
  • Renovación do sistema de cubrición da vertente anexa a nave sur con placas de fibrocemento e tella cerámica curva.
  • Formación de canlóns e babeiros con chapa de zinc.
  • Mellora da seguridade do acceso ás cubertas dos faldróns norte dende á ábsida incorporando unha liña de vida.
  • Formación de pingadeiras nas repisas da fachada principal mediante chapa de cobre.
  • Picado superficial de xuntas de morteiro de cemento e posterior encintado mediante morteiro de cal.
  • Limpeza dos muros de pedra e tratamento herbicida e funxicida.
  • Recolocación da instalación de iluminación da cuberta do ábsida.
  • Toma de mostras para a realización de análise de sales, imprescindibles para os tratamentos de desalación. Análise de materiais nos restos de policromía antes dos procesos de limpeza.
  • Revisión de elementos soltos e con deficiencias estruturais.
  • Preconsolidación e fixado de escamas nas zonas que presenten disgregación granular.
  • Limpeza do soporte pétreo incluíndo molduras, elementos escultóricos, relevos e ornamentos.
  • Retirada da colonización biolóxica, mediante biocida , arranque directo ou pinzas segundo os casos.
  • Limpeza en seco mediante cepillos de cerdas e brochas de diferentes grosores e durezas, ademais de material punzante como bisturís, escalpelos, espétulas metálicas e de medeira, para a eliminación puntual de concrecións e elementos máis adheridos.
  • Limpeza en húmido, con auga desionizada con cloruro de benzalconio ao 0,5% e cepillos de cerdas e brochas de diferentes tamaños e durezas. Esta limpeza farase en todas as zonas, a excepción das áreas con policromías.
  • Limpeza de policromías.
  • Eliminación de restos de cera con vapor de auga a baixa presión, retirando os restos mediante cepillado.
  • Traballos de desalación.