Concello e Xunta avanzan na cesión de terreos municipais para vivenda protexida e definir novos ámbitos de edificación 

3

O concelleiro de Urbanismo Alberto Oubiña reuniuse esta mañá co secretario xeral de Vivenda da Xunta e o xefe territorial do IGVS para continuar avanzando na cesión das parcelas municipais que o Concello cederá para a construción de vivenda protexida na cidade. 

O concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña e o director xeral de Urbanismo do Concello de Pontevedra, Xosé Manuel Tato, mantiveron esta mañá unha reunión de traballo co xefe territorial do Instituto Galego Vivenda Solo, José Manuel González, e Heriberto García, secretario xeral de Vivenda da Xunta de Galicia, para avanzar no acordo de ambas institucionais de incrementar o parque de vivenda pública en Pontevedra, ademais definir novos posibles ámbitos máis aló dos xa ofrecidos polo Concello.

« Este é un traballo conxunto que estamos desenvolvendo entre ambas as dúas administracións, que máis pronto que tarde vai a dar os seus froitos », explicaba o concelleiro.

Hai unhas semanas o Concello de Pontevedra ofreceu ao IGVS até sete parcelas nas que poder edificar estas vivendas, que neste momento están a estudo por parte do instituto da Xunta. As parcelas son:

  1. Unha parcela en Valdecorvos (cunha edificabilidade de 7.500 m2), actualmente adicada a estacionamento. Calcúlase que ofrecería espazo para 54 vivendas. (Unha das melloras valoradas pola Xunta)
  2. Unha parcela na Unidade de Actuación 7, mazá 46G (zona da antiga Tafisa), con 5.800 m2 de edificabilidade. (Unha das melloras valoradas pola Xunta)
  3. Unha parcela na rúa da Barca, no número 45. Serían uns 735 m2 edificábeis.
  4. Unha parcela na rúa Amado Carballo, con 1.000 m2 de edificabilidade
  5. Unha parcela na rúa das Devesas, na zona da Parda, na UA 15. 1.500 m2 de edificabilidade.
  6. Unha parcela na UA 18, na rúa Poza dos Canos, con 1.000 m2 de edificabilidade
  7. A última das parcelas estaría situada nunha zona cun proxecto pendente de desenvolver, na Finca do Teucro. Contaría cunha edificabilidade de 1.900 m2. (Unha das melloras valoradas pola Xunta)

O concelleiro adiantou que « a intención é ter resolta a cesión canto antes » e nas próximas semanas avanzar na definición de posibles novos ámbitos máis alá dos ofrecidos. 

Quedaron emprazados para futuras xuntanzas a expensas da reunión que esta semana mantén o alcalde coa conselleira de Infraestruturas e Vivenda que « sirva tamén para continuar a dar novos pasos neste traballo conxunto para as doas administracións », indicaba Alberto Oubiña.