O Surfing máis solidario bate récords doazóns con sete toneladas de produtos de primeira necesidade para Redeaxuda 

30

A concelleira de Benestar Anabel Gulías agradece a participación dos centos de persoas que gozaron do Surfing e á organización por ter contado con Redaxuda.

Os produtos repartiranse a partir de mañá, luns, entre todas as entidades sociais do concello para que cheguen aos usuarios de servizos sociais. 

Esta fin de semana, o Surfing The Lérez foi un éxito de público pero tamén de solidariedade. Como todos os anos, a Concellaría de Servizos Sociais que dirixe Anabel Gulías instalou unha mesa de recollida de produtos de primeira necesidade para a Plataforma Redeaxuda na que están presentes todas as entidades sociais de Pontevedra. A iniciativa estaba promovida pola organización do Surfing The Lérez que pedía ás persoas que se achegasen á Illa do Covo a gozar das dúas xornadas de concertos, que trouxesen produtos non perecedoiros para estas entidades sociais de Pontevedra.

O resultado foi « espectacular » segundo a concelleira, xa que se bateron récords de recollida. Foron 7 toneladas de produtos de todo tipo. Os máis cuantiosos foron arroz, pasta e legumes, pero tamén conservas de peixe e verduras, aceite -un dos produtos máis caros da cesta da compra-, leite, comida para bebés e lactantes e cueiros -tamén moi caros-, e produtos de hixiene.

A cantidade foi tal que na xornada do sábado pola mañá que Redeaxuda xa tivo que repartir 1.000 quilos de arroz, pasta e verduras ao Comedor de San Francisco, que eran os alimentos que máis precisaban nestes momentos, porque non collían no almacén da Casa Azul, onde Redeaxuda ten a súa sede.

A partir de mañá, luns, a Concellaría de Servizos Sociais comezará o reparto do resto de produtos entre as entidades sociais da cidade que os entregarán aos usuarios dos servizos sociais e das persoas en risco de exclusión.

Anabel Gulías quixo agradecer a todas as persoas que se achegaron á Illa a gozar da música que participasen nesta recollida solidaria, así como aos organizadores do Surfing por ter contado, un ano máis, con Redeaxuda como peza fundamental da festa..