O Concello avanza no proceso administrativo para a licitación do novo contrato de xestión de residuos 

20
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalou que agarda que a adxudicación se realice ao longo do primeiro semestre do ano 2025
Pontevedra investirá preto de 13 millóns de euros ao ano neste servizo co novo contrato, o que supón un incremento duns 4 millóns de euros respecto ao investido na actualidade 

O Concello de Pontevedra dá un novo paso no longo proceso administrativo no que se atopa nestes intres co obxectivo de licitar o novo contrato de xestión de residuos, tal e como sinalou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, durante a comparecencia realizada para dar conta dos asuntos tratados esta mañá na última Xunta de Goberno Local.

A intención do Concello é que o novidoso contrato poida ser licitado este mesmo ano para logo ser adxudicado na primeira metade do ano 2025. Así, na xuntanza deste xoves, 13 de Xuño, a XGL aprobou o réxime xurídico do servizo público de xestión de residuos de competencia municipal así como o anteproxecto de explotación do servizo público de xestión de residuos de competencia municipal e o estudo de viabilidade da concesión.

«Que significa isto? Que avanzamos á hora de poñer en marcha este novo contrato, un borrón e conta nova no tratamento dos residuos doméstico deste Concello e que, como é sabido, é un proxecto adaptado á Lei de Residuos do 2022, polo que sería, practicamente, o primeiro municipio do Estado que se adapta á mesma», indicou. 

Este avance administrativo chega logo de quedar deserto o anterior intento de sacar adiante un novo contrato para o concello de Pontevedra, que na actualidade ten activo o contrato de residuos asinado no ano 1999, na súa oitava prórroga. O seguinte paso a dar a continuación, logo de puír algún elemento interno, será enviado as bases do concurso á Oficina Nacional de Evaluación (ONE), organismo estatal dependente do Ministerio de Facenda que debe dar luz verde ao expediente.

«Tivemos que resetear, facer as modificacións pertinentes e incorporar as opinións ofrecidas polas distintas empresas á hora de crear un novo contrato», explicou Lores. Cómpre lembrar que o orzamento deste contrato elevarase até os 12.815.030 euros anuais —na actualidade o investimento é de 9.679.000 euros—.

Unha das diferencias ao respecto do anterior proxecto de contrato (o que quedou deserto) é a retirada dos pregos da recollida de residuos téxtiles «que vai nunha contratación aparte, fóra dese contrato», ademais da eliminación do pago do tratamento dos residuos que van ao colectores tratados en Sogama»

O rexedor lembrou que a elaboración, licitación e adxudicación deste contrato «é un tema realmente complexo» pero que permitirá «cambiar o paradigma» no referido á xestión e tratamento de residuos domésticos en todo o concello, máis aínda cando o modelo actual é «manifestamente mellorable».

O futuro contrato recolle nos seus pregos que a empresa adxudicataria terá que facer o tratamento do compost nunha planta que deberá construír na Canicouva, nos terreos postos a disposición polo Concello de Pontevedra,  nun prazo de cinco anos desde a adxudicación do mesmo.