O Concello pon a punto a praia da Posta a través do programade voluntariado e concienciación ambiental de Prezero 

2

O concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda visitou esta mañá aos voluntarios que están a limpar a praia da Posta, no Cabo, en Lourizán dentro do programa Súmate que a  empresa Prezero, concesionaria do servizo de limpeza viaria e recollida de residuos en Pontevedra, está a desenvolver en Galicia.

Súmate é o programa de acción social  da empresa para mellorar as condicións de vida das persoas en situación de vulnerabilidade e contribuír a contornas máis sostibles nos lugares que traballa. O programa Súmate realiza anualmente un concurso aberto en dous ámbitos: inclusión sociolaboral e concienciación ambiental, aos que se presentan fundacións e ONGs, que recibirán unha contía económica recadada entre os traballadores da empresa e a propia compañía.

En Galiza, foi a asociación LimpOcean a que desenvolveu o proxecto « Rincones mágicos. Limpieza y concienciación sobre la contaminacion plástica en la Costa da Morte », coa que implica activamente á poboación na erradicación do lixo mariño. Limparon praias en Nigrán e Sada.

Unha das xornadas de limpeza a través de voluntarios foi a que se desenvolveu esta mañá na praia da Posta, en Lourizán, a onde se trasladou o concelleiro de Servizos Urbanos básicos, Xaquín Moreda, responsable do contrato de limpeza do Concello para agradecer a voluntarios e voluntarias o seu labor e a súa concienciación ambiental.