O Concello pecha a súa proposta de modificación, o que permitirá incorporar máis de 10 millóns de euros ao orzamento

2

Trátase dunha modificación que conta co apoio dos grupos políticos da oposición, que incluíron distintas consideracións ou propostas na mesma e que non descartaron ningún dos asuntos incluídos polo Goberno Local na proposta inicial

O concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González, deu conta esta mañá da finalización do proceso administrativo á hora de sacar adiante a proposta modificación de crédito proxectada polo Concello de Pontevedra. «Está todo listo para convocarmos a comisión respectiva e logo ir a pleno», indicou.

Trátase dunha modificación de crédito que permitira incorporar 10.324.587,06 euros ao orzamento municipal, elevando este por riba dos 125 millóns de euros, o que deriva, lonxe de toda dúbida, no orzamento máis elevado da historia do Concello de Pontevedra.

«Os conceptos que se incluían nesta modificación obedecían a tres criterios: proxectos de gasto maduro, compromisos firmes adquiridos, ou acordos plenarios aprobados por unanimidade», lembrou o edil. «En definitiva, que tiñan que ser asuntos nos que houbese consenso por parte dos tres grupos políticos, eliminando calquera vestixio de confrontación política».

Así, a proposta que o Goberno Local realizou foi transmitida ao resto de grupos políticos (PSOE e PP) e brindóuselles a opción de, se existía algún concepto que non fose do seu agrado, que o dixeran e introduciran as modificacións que considerasen oportunas seguindo os nomeados criterios básicos. Nese sentido, cómpre destacar que ningún dos asuntos incluídos inicialmente foi rexeitado por parte da oposición.

A modificación de crédito inclúe desde os convenios coa comunidade de montes ás subvencións aos clubs deportivos, pasando polos premios Feroz, o Río Verbena, a adquisición de vehículos para as brigadas municipais, obras de emerxencia, proxectos de zonas verdes, ciclos culturais ou grandes festas como Feira Franca, ou a obra e reforma integral de Rosalía de Castro, etcétera.

«Quero agradecer a actitude, o clima ou o espírito de consenso por parte dos outros dous grupos políticos da corporación», indicou González. «Houbo cuestións introducidas por ambos os dous partidos. Hai cousas que xa figuraban e, en todo caso, hai outras que aínda que non se inclúan na modificación están contempladas noutros eidos, como a posta en marcha de baños inclusivos, tal e como se recolleu no pleno municipal por acordo».

Tal e como indicou o concelleiro, e quixo subliñar de novo, «o máis salientábel desta modificación, fóra de obras como Rosalía de Castro ou proxectos como os premios Feroz, é o valor engadido que é o consenso logrado por parte dos tres grupos políticos. Agardamos que isto marque un punto de inflexión e sexa o inicio dunha liña de colaboración futura polo ben de Pontevedra entre as tres forzas políticas. Se aparcamos as diferenzas hai cousas que nos unen e hai percorrido que facer».