A campaña de mellora urbana e ambiental chega ao barrio de Mollavao para acondicionar o parque de Fonte Santa 

35

O concelleiro Xaquín Moreda ordenou priorizar este espazo que é lugar de encontro da veciñanza, especialmente no verán. 

Segouse a herba, retiráronse entullos, limpouse o mobiliario público, acondicionouse o lavadoiro e, finalmente, mellorouse o parque infantil. 

Está pendente a reparación da vía de servizo, a instalación da varanda cara o río e a recollida de augas da ponte da autoestrada, melloras que comezarán nunhas dúas semanas.

O departamento de Servizos urbanos básicos continúa adiante coa instrución dada polo alcalde Fernández Lores de manter en perfecto estado de uso os espazos de lecer da veciñanza. 

A Concellaría de Servizos urbanos básicos que dirixe Xaquín Moreda continúa adiante coa Campaña de mellora urbana e ambiental nos barrios que iniciou a primeiros de ano polo barrio de Estribela. Nesta ocasión, o concelleiro ordenou actuar no parque de Fonte Santa, no barrio de Mollavao onde se realizaron e se están a realizar diversos labores de acondicionamento e aseo, aproveitando a primavera e o amortecemento das chuvias.

Seguindo a orde dada polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, o Concello vén desenvolvendo unha gran campaña de mellora urbana e ambiental en varios barrios da cidade. Esta liña de traballo pretende a supervisión integral dos espazos públicos actuando en todos os seus aspectos: pavimentos, zonas verdes, parques infantís… até ir peiteando toda a cidade.

Fanse, polo tanto, limpezas xerais, reparacións, substitucións e limpeza de bancos, pavimentos, papeleiras, escavas, podas de árbores, mellora das contornas do espazos infantís…

Fonte Santa

Ao respecto do parque de Fonte Santa formado por unha zona verde de descanso e de esparexemento, un carril de servizo e por un parque infantil, atopábase coa herba moi alta que impedía o seu uso, co mobiliario público sucio polas chuvias do inverno e algúns elementos en mal estado. Tamén o parque infantil estaba desatendido.

Polo de agora, os traballos consistiron na roza de toda a parcela, mellora da xardinería, limpeza de bancos, poda de árbores, supervisión do alumeado e das varandas de peche do parque. Tamén se limpou e acondicionou o lavadoiro situado na parte baixa do parque, un dos seus principais atractivos polo bo estado de conservación.

A última mellora foi o acondicionamento do parque infantil. A súa supervisión estaba incluída na diagnose encargada polo concelleiro Xaquín Moreda para coñecer o estado de conservación das áreas infantís do concello. Entre os 40 urbanos inicialmente a estudo, estaba o de Fonte Santa que foi dos primeiros en reparar. A Concellaría fixo unha limpeza xeral, desinfección e achega de area, retirada de vexetación, reparación e pintado do valado do perímetro e reparación de todos os xogos, poñendo especial atención aos elementos de seguridade.

A mellora do parque de Fonte Santa continúa. Nestes momentos está pendente da instalación dunha nova varanda no perímetro do río e actuar na vía de servizo á zona (moi transitada por clientes dun establecemento agrícola situado no lugar) para reparar un afundimento na calzada e mellorar a recollida de augas procedentes da ponte da autoestrada cara o lavadoiro, que mellorará substancialmente o aspecto da zona e o seu goce.

Estas actuacións comezarán nunhas dúas semanas.

Estacionamento baixo a ponte da autoestrada

Esta campaña súmase á orde que o concelleiro Xaquín Moreda deu de reparar o estacionamento baixo a ponte da autoestrada, no barrio de Mollavao. Comezada a finais de xaneiro e rematada cara finais de febreiro, naquela obra da rúa Simón Bolívar acabáronse coas fochancas, canalizáronse as augas pluviais, construíronse sumidoiros, retiráronse entullos e ordenouse o espazo no primeiro estacionamento. 

A plataforma baixo a autoestrada en Mollavao é un dos espazos máis empregados pola veciñanza e doentes do centro de especialidades médicas Casa do Mar.