As obras de reforma da Santiña deixan ao descuberto un lavadoiro de finais do século XIX 

7

O concelleiro César Mosquera desvelou esta mañá que, pendente de coñecer a opinión de Patrimonio da Xunta, « ten un valor patrimonial e estaría ben deixalo e conservalo ».

As obras da Santiña están incluidas dentro da liña de axudas das Zonas de Baixas Emisións, do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU. 

As obras da rúa Santiña veñen de dar unha grata sorpresa. No treito máis rural da rúa, a escasos 50 metros do final, acaban de aparecer os restos dun lavadoiro de finais do século XIX, a continuación da « Fonte da Santiña ». O concelleiro de Obras, César Mosquera deu conta esta mañá da aparición destes achados que xa están sendo analizados polo servizo de patrimonio histórico do Concello.

Adiantou que ao carón da fonte, que xa se atopa escavada por debaixo da cota da estrada, apareceu unha construción de pedra con lousas colocadas en paralelo, que serían os postos de lavado. « Atópase en moi bo estado de conservación e, máis ou menos, dataría entre 1890 e 1902, xa que aparece nas fotos de Zagala », desvelou Mosquera.

Pendente de coñecer a opinión da Dirección xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, « está claro que ten un valor patrimonial, e a primeira impresión amosa que estaría ben deixalo e conservalo », explicou César Mosquera.

O achado producise coas obras de reforma da rúa que, inclúe entre outras melloras, a renovación de todos os servizos soterrados. Na apertura desas gavias, apareceu o lavadoiro que estaba totalmente soterrado.

A reforma da rúa Santiña foi adxudicada á empresa Civis Global o pasado mes de febreiro por  1.811.898,17 euros (a licitación era de 2.159.850 euros) foi unha das obras priorizadas polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores para dotala de financiación e salvala da situación de constriximento ao que estivo sometido o Concello pola falta dos orzamentos de 2024.

Está incluida dentro da liña de axudas das Zonas de Baixas Emisións, do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU. Para este proxecto, os fondos europeos fan unha achega de 1.606.500 euros.