O Concello inicia mañá o asfaltado de dez rúas da cidade  

25

O departamento de Servizos urbanos básicos, que xestiona Xaquín Moreda aproveitará a fin de semana para intervir nas zonas máis céntricas e evitar interferir demasiado na circulación do tráfico. As pavimentacións continuarán até o mércores.

Asfaltaranse rúas enteiras e treitos en mal estado de Blanco Porto, Leiras Pulpeiro, avenida de Vigo, Sagasta, Benito Corbal, José Millán, avenida de Bos Aires, Eirín, Alemaña e Reino Unido.

A Policía Local pon en marcha plans de tráfico específicos. 

O Concello de Pontevedra inicia mañá a primeira fase de substitución dos firmes das rúas da cidade logo do paso do inverno no que se viron deteriorados os pavimentos de distintas rúas. O departamento de Servizos urbanos básicos, que xestiona Xaquín Moreda aproveitará a fin de semana para realizar os fresados e asfaltados nas rúas máis céntricas, e non interferir demasiado na circulación do tráfico.

A repavimentación consistirá no fresado e asfaltado ben de rúas completas ben de panos de rúas que se atopan en mal estado. Os traballos comezarán mañá sábado, 25 de maio, en horario de 08.00 a 13.00 horas por Blanco Porto, no tramo entre Cruz Gallástegui e Joaquín Costa; Leiras Pulpeiro (asfaltarase toda a rúa) en horario de 11 a 17 horas; e a avenida de Vigo no tramo entre a Ponte sobre Eduardo Pondal e o hotel Galicia Palace que se fará entre as 17 e as 20.30 horas.

A campaña de pavimentación continúa o domingo, 26 de maio, por algúns panos da rúa Sagasta en horario de 8.30 a 13 horas; algúns treitos de Benito Corbal, entre as 11 e as 19.30 horas; e algúns tramos de José Millán entre as 16.30 e as 21.30 horas.

O luns, 27 de maio, pavimentarase na avenida de Bos Aires entre a ponte de Santiago e a ponte dos Tirantes, en horario de 9 a 11.30 horas; a rúa Eirín de Monte Porreiro que se asfaltará completamente entre as 11.30 e as 16.00 horas logo de que recentemente se teña instalado o saneamento e acondicionado unha parcela pública como estacionamento en superficie; tamén en Monte Porreiro fresarase algúns treitos da rúa Alemaña entre as 16 e as 20 horas. O asfaltado desta rúa está previsto para o martes, 28 de maio, entre as 8 e as 15 horas.

Os traballos en Monte Porreiro pasarán o martes, 28 de maio, á rúa Reino Unido para facer o fresado, e o asfaltado está previsto para o mércores, 29 entre as 8 e as 14 horas.

A Policía Local ten en marcha plans de tráfico específicos en cada caso.

Imaxe de cada un dos asfaltados da cidade: