O Concello inicia a tramitación do expediente para as subvencións a clubs deportivos da cidade para os anos 2023 e 2024 

40
As subvencións suman un total de 600.000 euros e beneficiarán a preto de 8.000 deportistas pontevedreses, a maioría menores de idade
Os fondos para estas axudas serán incluídos na vindeira modificación de crédito 

A tenente de alcalde, Eva Vilaverde, compareceu nesta xornada de xoves, 16 de maio, en rolda de prensa para dar conta dos asuntos tratados na orde do día da Xunta de Goberno Local. Vilaverde quixo destacar que o Concello está a recuperar o bo ritmo logo das problemáticas derivadas do atraso na aprobación do actual orzamento municipal, sinalando que agora as dependencias municipais se atopan traballando «a ritmo máis que de cruceiro».

Alén dos asuntos incluídos na orde do día, a edil quixo dar conta do inicio de tramitación do expediente para as subvencións a clubs deportivos da cidade. «Iniciamos toda a tramitación con vistas á modificación de crédito que xa explicou polo miúdo o edil de Economía e Facenda, Raimundo González», indicou. «Nesta modificación serán incluídos 600.000 euros para poder facer fronte a dúas anualidades de subvencións a clubs de Pontevedra».

Serían dúas liñas de subvencións do ano 23 e 24 para fomentar a práctica deportiva e participación en competicións oficiais, destinadas a asociacións e clubs federados (300.000 euros por cada ano). «Somos conscientes da importancia que as entidades deportivas teñen neste Concello, por iso queremos sacar adiante estas subvencións, subvencións das que se beneficiarán preto de 8.000 deportistas que están federados neste concello. Unha gran parte, a maioría, son menores —preto de 5.000—».

A tenente de alcalde valorou de xeito moi positivo e agradeceu todo o traballo que estes clubs e asociacións realizan, lembrando a importancia do deporte de base dentro da sociedade.