O Congreso Flúor presenta un cartel con relatores de luxo na súa sexta edición, continuando con Pontevedra como a súa casa 

49
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, participou este martes na presentación dun evento que se celebrará entre o 30 e o 31 de maio, cheo de conferencias e mesas redondas ao redor do negocio dixital, a publicidade e o social media
Luis Bassat, Toni Segarra, Andy Stalman e Inês Fonseca son algúns dos nomes principais que participarán no congreso polo que pasarán máis de medio milleiro de persoas  

O Congreso Flúor chega a súa sexta edición con todas as forzas posíbeis e cun recoñecemento dentro do sector da publicidade e os negocios dixitais. Este 2024, Pontevedra volve ser sede e casa  desta cita, durante os días 30 e 31 de maio, transformándose no epicentro do sector cun dos congresos máis relevantes a nivel estatal, con relatores de primeiro nivel e con asistencia de empresas punteiras.

Flúor achega até Pontevedra a profesionais como Luis Bassat, unha das voces referentes no mundo da publicidade, fundador de Bassat Ogilvy recoñecido con máis de 400 premios Toni Segarra, publicista e creativo cuxos eslóganes transcenderon á cultura popular (“Bienvenido á república independente da miña casa” ou “Gústache conducir””); Andy Stalman, destacado conferenciante e un dos referentes mundiais en branding ou Inês Fonseca, Head of Marketing Southern Europe de Johnnie Walker e cantautora.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, participou esta mañá na súa presentación desde as dependencias do Concello de Pontevedra, acompañado por Alberto Garnil, presidente do Clúster da Comunicación de Galiza; ademais do secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández.

Así, Garnil agradeceu a contribución e apoio das institucións á hora de poder levar a cabo o congreso, sinalando que «desde o seu inicio procurou destacar as voces máis importantes no eido estatal dentro do márketing e da comunicación dixital».

Pola súa banda, Miguel Anxo Fernández Lores declarou que estaba «orgulloso» de que esta cita siga tendo como sede Pontevedra, «un congreso que nos permite seguir sendo referentes nesta materia e que achegará até Pontevedra entre 500 e 600 persoas», cifra humana que deixará unha pegada notable na cidade. «Nós estamos contentos e orgullosos, pois Flúor figura como outra cita relevante coa que nos presta colaborar e contar, e amplía ese camiño que estamos a facer á hora de atraer e convencer a congresos de altísimo nivel que se fan nesta cidade, como o Galicia Sportech, feiras de papelería internacional, iniciativas como Pont-Up Store, Etiqueta Negra, xunto con moitas outras citas que nos fan e farán referencia, coma o congreso As mulleres que opinan son perigosas, ou a fichaxe dos Premios Feroz pola cidade».