A Dirección Xeral de Costas estuda dúas novas alternativas para cumprir co seu compromiso de finalizar o paseo peonil cara Marín 

5
O edil de Infraestruturas, César Mosquera, deu conta destes avances, ademais de novidades en relación coa ampliación da praia fluvial de Ponte Sampaio e a rexeneración da enseada do Ulló 

O concelleiro de Infraestruturas e Mobilidade, César Mosquera, compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta da Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos celebrada nesta xornada, repasando os diversos puntos tratados na orde do día.

O edil puxo o foco nas novidades relacionadas cos distintos proxectos que gardan relación coa Dirección Xeral da Costa e o Mar. Logo dunha xuntanza técnica entre o Concello e a administración estatal, son tres os proxectos que amosan novidades.

Dous deles están situados na parroquia de Ponte Sampaio, sendo estes a ampliación da praia fluvial e o outro a rexeneración da enseada do Ulló. No referido ao primeiro, o edil revelou que Costas acordou licitar o proxecto, tomando como base o anteproxecto presentado no seu día polo Concello de Pontevedra.

Mosquera indicou que Costas realizará distintos «axustes», ao existir cuestións ou elementos contemplados nese anteproxecto que «non entran» dentro das competencias e da actuación que Costas elaborará e que asumirá como súa, dentro dos seus orzamentos. Trátase dunha boa noticia para este espazo, que vivirá unha transformación en positivo.

Pola súa banda, Costas indicou na nomeada xuntanza que o Estado encargará un proxecto destinado a limpar e renaturalizar o lugar, procurando no camiño realizar unha actuación que permita permeabilizar o paso da antiga vía ferroviaria, polo que manterá conversas con Adif para tal asunto. 

No referido ao terceiro proxecto do que Costas ofreceu novas informacións, aparece o paseo peonil pola ría cara Marín. O Estado estaría agora estudando e barallando dúas alternativas posíbeis para levar a bo porto este proxecto, demandando pola cidadanía de xeito masivo, e que ofrecería unha nova vía de conexión peonil entre Marín e Pontevedra.

O edil explicou que «se están a dar pasos a moi bo ritmo», ao tempo que celebrou que Costas queira cumprir co seu compromiso de desbloquear o segundo tramo dun paseo que non se finalizou no seu momento, e que esperta verdadeiro interese entre a cidadanía de ambos os dous municipios. 

A dirección xeral de Costas estaría traballando en dúas ideas distintas á hora de facer posíbel este segundo tramo: a alternativa A —a principal e favorita deste departamento, segundo o concelleiro—, desprazaría a actual autovía de Marín cara ao interior, aproveitando os seis metros que hai entre o viario actual e o valado da factoría de ENCE. Esta actuación, ademais, permitiría elevar a cota da autovía para evitar as inundacións que se producen en intres de choivas intensas e pleamar, inutilizando a circulación de vehículos neste trazado.

«É unha opción boa, pois resolvería o problema do paseo e o problema das inundacións», explicou Mosquera «Iso si, manteríanse os catro carrís, e tamén permitiría que a pasarela peonil tivese un ancho maior que os 2,5 metros proxectados no seu momento, que semellan insuficientes para unha convivencia correcta entre bicicletas e peóns».

A outra opción, ou plan B, estuda a posibilidade de «morder a autovía todo o que se poida», polo lado máis próximo á ría, e apoiar sobre o mar só unha parte do paseo, en lugar de todo o trazado peonil, até chegar á pasarela de madeira actual. 

O Concello de Pontevedra cre que a primeira opción é mellor ca a segunda, tanto por ofrecer solución a dous problemas ao mesmo tempo, como por permitir mellorar o proxetco orixinal. Como é lóxico, este tamén sería un proxecto máis custoso.