O Concello aproba as bases de concesión de 300 nichosen San Amaro, Lourizán e Ponte Sampaio 

10

A última Xunta de Goberno aprobou as bases que se sometarán a un proceso de exposición pública dun mes para a achega de suxestións, e finalmente publicarase o anuncio da convocatoria no BOPPO momento no que se poderán presentar as solicitudes. 

A Xunta de Goberno local vén de aprobar as bases que regularán a concesión de nichos nos cemiterios municipais de San Amaro, Lourizán e Ponte Sampaio. Son en total 300 nichos cos que o servizo de Cemiterios, que xestiona Anabel Gulías, pretende satisfacer a demanda veciñal, especialmente en San Amaro e Lourizán, onde o Concello xa ten recibido peticións nese sentido.

Os nichos que se ofertan en concesión, os cales se adxudicarán en lotes de 1 ou 2 dentro do mesmo cemiterio, son os seguintes:

  • 200 nichos no cemiterio municipal de San Amaro 
  • 36 nichos no cemiterio municipal de Lourizán 
  • 64 nichos no cemiterio municipal de Ponte Sampaio 

Esta suxeitos ás seguintes taxas:

CemiterioFila 1Fila 2Fila 3Fila 4
San Amaro1.428,07 €1.552,25 €1.552,25 €1.303,87 €
Lourizán492,94 €537,76 €537,76 €448,14 €
Ponte Sampaio1256,60 €1316,14 €1316,14 €1292,65 €

A concesión será por 75 anos e este prazo terá un carácter improrrogable. A concesión destes nichos poderá transmitirse a favor de herdeiros ou legatarios « mortis causa » da persoa concesionaria, e fíxase o prazo dun ano para que a persoa herdeira ou legataria acredite a súa condición. Queda expresamente prohibida a transmisión das concesións inter vivos.

Logo da aprobación pola Xunta de Goberno local, abrirase un proceso de exposición pública para recepción de alegacións ao prego. A continuación, farase a aprobación definitiva e a publicación do anuncio da convocatoria no BOPPO, momento en que se abrirá o proceso de chegada de solicitudes.