O Concello solicita de formal a cesión de dúas parcelas propiedade do Estado na xunqueira da Gándara 

27
Na actualidade carecen de ningún uso baixo a titularidade de Patrimonio do Estado, polo que a administración local agarda que non haxa problema á hora de tramitar esta solicitude
Atópanse ao final do primeiro tramo do río Rons desde a ponte das Correntes, e suman unha superficie total de algo máis de 10.000 metros cadrados 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta da Xunta de Goberno Local celebrada a primeira da mesma. A maiores das cuestións incluídas na orde do día, o rexedor destacou a aprobación do envío dunha solicitude formal ao Estado para a concesión ao Concello de Pontevedra de dúas parcelas situadas no ENIL da xunqueira da Gándara.

As parcelas están situadas ao máis norte posíbel no primeiro tramo do río Rons desde a ponte das Correntes. Teñen unha superficie de 5.026 e 4.995 metros cadrados, polo que suman algo máis de 10.000 metros cadrados. A súa titularidade pertence a Patrimonio do Estado.

Son dous espazos sen uso algún e que, a través de conversas con funcionarios do Estado, poderían ser transmitidas desde Patrimonio do Estado ao Concello de Pontevedra, o que suporía un novo capítulo na recuperación desta zona, após da intervención xa finalizada nos antigos terreos da Deputación de Pontevedra.

«Seguiremos traballando e tramitando diante dos organismos competentes a cesión do resto de espazos que aínda ocupan esta zona», explicou o rexedor. «A nosa idea é recuperar este lugar, e poñela en valor de cara ao futuro e poñela a disposición da cidadanía de Pontevedra».