As obras para a reforma da Santiña arrincarán o vindeiro luns

65
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou que Pontevedra será a única cidade do Camiño Portugués onde todo o trazado urbano conte con prioridade peonil
O rexedor tamén quixo definir esta actuación, que ten un custo de máis de 1,8 millóns de euros, como unha intervención «totalmente necesaria» á hora de mellorar a calidade de vida da veciñanza que reside no barrio do Burgo 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta da Xunta de Goberno Local celebrada a primeira da mesma. A maiores das cuestións incluídas na orde do día, o rexedor quixo anunciar que o vindeiro luns, 29 de abril, comezarán as obras para a reforma integral da rúa Santiña.

Trátase dun proxecto de enorme relevancia para esta zona da cidade, que traerá consigo unha mellora substancial da rúa a todos os niveis: servizos, seguridade, accesibilidade, mobilidade, iluminación, creación de zonas de estancia… en definitiva, o cumprimento e a actualización de todos os estándares de calidade urbana que o Concello ten como base para todas as rúas da cidade.

A empresa Civis Global é a encargada de levar a cabo esta intervención, que ten un custe que superará os 1,8 millóns de euros e contará cun prazo de execución de doce meses. 

«Con esta obra, ademais de lograr unha mellora na calidade de vida de todos os veciños e veciñas da zona, Pontevedra será a única cidade que pode ser cruzada con prioridade peonil ao longo de todo o trazado do Camiño de Santiago», explicou Fernández Lores. «Fixemos o centro histórico no seu día, o Gorgullón, a Ponte do Burgo, así como outras zonas da cidade, e agora remataremos ese tramo urbano do Camiño Portugués cara Santiago de Compostela, completando este trazado cuns estándares de calidade que o modelo de Pontevedra ten e que se definen pola accesibilidade universal, unha boa iluminación, plataformas únicas, mobiliario urbano de altísima calidade, zonas de estancia e socialización, etcétera».

O rexedor lembrou que esta é unha obra «totalmente necesaria» á hora de mellorar a calidade de vida de todas as persoas que residen no barrio do Burgo. «Non podemos entender a falta de sensibilidade e responsabilidade que a oposición amosou e pola que se atrasou esta obra moitísimo tempo. Esta obra está financiada en parte por fondos Next Generation en relación coas Zona de Baixas Emisións», sinalou.