As podas chegan á oliveira da Oliva, ás camelias de García Camba, aos ficus de Cruz Gallástegui e ás palmeiras da avenida de Vigo 

15

Tamén se están a podar tres exemplares de plátanos da avenida de Bos Aires, fronte ao Centro de educación de adultos porque están secos ou enfermos. Será preciso restrinxir o estacionamento do centro así como o peche puntual dun carril de circulación. 

A cidade está a vivir nestes días nun plan intensivo de mantemento das árbores urbanas en distintas rúas e prazas. Branco Porto, Cruz Gallástegui, Praza de San Xosé, Oliva, García Camba, avenida de Vigo ou a avenida de Bos Aires son puntos nos que se están a realizar traballos de poda e tala por parte da Concellaría de Servizos urbanos básicos que xestiona Xaquín Moreda. O obxectivo é compaxinar o benestar e a saúde dos exemplares coa vida da cidade e dos veciños e veciñas.

Nestas semanas as podas fixéronse nas rúas Cruz Gallástegui, Branco Porto e Castelao onde se podaron os ficus. Foron podas notables para airear as copas, alongar a vida das árbores e reducir os problemas de convivencia que estaban a provocar achegándose ás fiestras ou molestias aos peóns ou o tránsito dos vehículos con seguridade.

En semanas anteriores podouse a oliveira da rúa Oliva rebaixando a súas pólas para adaptalo á rúa peonil, e tamén as camelias de García Camba. Á par continuábase coa eliminación da ramaxe seca das palmeiras da avenida de Vigo, seguindo os traballos que se iniciaron hai escasos días na rúa Gutiérrez Mellado.

Ademais, a Concellaría empezou esta semana a tala de tres exemplares de plátanos da avenida de Bos Aires situados nas proximidades do pavillón universitario e fronte ao Centro de educación para adultos (antiga Maxisterio) na avenida de Bos Aires. Trátase de tres exemplares secos ou con enfermidades que é preciso talar por seguridade.

A tala comezou esta semana polo exemplar pegado ao edificio do pavillón universitario, e continuará a vindeira semana fronte ao centro educativo da Xunta, polo que se prohibirá o estacionamento interior do edificio nas xornadas do luns e do martes. Ademais, está previsto pechar puntualmente o carril de circulación máis próximo aos edificios para evitar perigos e garantir a seguridade peóns e condutores, así como dos traballadores xa que se fai a tala en altura derramando as árbores.