O orzamento do ano 2024 chega até os 116 millóns de euros após a incorporación dos remanentes do pasado exercicio 

29
O edil de Economía e Facenda, Raimundo González, informou desta mañá da liquidación do anterior orzamento
A débeda do Concello de Pontevedra se sitúa no seu mínimo histórico, con pouco máis de sete millóns, cumprindo, ademais, con todas as regras fiscais fixadas na chamada Lei Montoro 

O edil de Economía e Facenda, Raimundo González, compareceu esta mañá de martes, 16 de abril, en rolda de prensa para dar contar da liquidación do orzamento do ano 2023 e que permite que, a día de hoxe, o orzamento xeral do Concello de Pontevedra para o 2024 sexa de 116.509.608,73 euros.

«O orzamento inicialmente aprobado e xa en vigor foi de 94.730.000 euros, aos que agora se lles suman estes remanentes por un importe superior a algo máis de 21,77 millóns de euros, froito da liquidación dese exercicio económico», explicou. «Esta modificación ou incorporación acabase de tramitar polos servizos económicos do Concello e, polo tanto, xa é efectiva na súa totalidade».

González indicou que así que a administración local xa traballa cuns orzamentos ampliados aos aprobados no inicio, e comentou que a diferencia entre ingresos e gastos foi de 10,734 millóns de euros, habendo uns ingresos a maiores en relación cos gastos efectuados no exercicio anterior. 

Doutra banda, o edil sinalou na súa intervención que a débeda actual do Concello tocou «mínimos históricos». «Neste intre a débeda está en pouco máis de 7 millóns de euros, mais a nivel de porcentaxe aínda descende máis, pois se nos fixamos, estamos no 8,33 dos ingresos, que podemos traducir en que se unha persoa gaña 30.000 euros o ano, debería 2.400 euros. Esa sería a débeda do Concello. É a cantidade, en termos históricos, máis baixa ao falar de débeda».

O concelleiro de Economía e Facenda quixo lembrar que todo isto se vén dando nun contexto de taxas e impostos conxelados, «ao igual que nos últimos anos», sumando un total de dez anos, unha década, sen rexistrarse unha suba neste eido».

Ademais, González indicou que no pasado exercicio o Concello de Pontevedra cumpriu coas tres regras fiscais recollidas na ‘Lei Montoro’ no referido á estabilidade de financiamento, o gasto estivo dentro dos marcos permitidos e a débeda está en mínimos históricos. «Ademais, tamén rebaixamos o período medio de pago. Case en ningunha ocasión tarda unha factura máis de 30 días en ser pagada polo Concello de Pontevedra. Cumprimos sobradamente».

Cal é o destino dos 21 millóns que se incorporan ao orzamento? De xeito maioritario irá ao apartado de Investimentos —uns 17,69 millóns de euros—. «E co superávit? Estando activas as regras de estabilidade orzamentaria, o superávit ten que ser destinado á amortización de débeda, non habendo posibilidade de incluílo en investimentos».