O Teatro espontáneo converte ao Mercado nun espazode liberdade, creatividade e respecto 

34

A actividade está promovida pola Concellaría de Benestar Social e a asociación Inzar. Non precisa inscrición.

É un obradoiro mensual, de dúas sesións de hora e media, que neste mes desenvólvese os xoves 18 e 25. 

Liberdade, creatividade e convivencia danse a man no Teatro espontáneo, unha iniciativa promovida pola Concellería de Benestar Social, que xestiona a concelleira Anabel Gulías, en colaboración coa asociación Inzar, posta en marcha o pasado febreiro co fin de xerar espazos de encontro, de reflexión e crecemento persoal, social  e comunitario.

Este obradoiro é unha actividade mensual que se desenvolve en dúas sesións de hora e media, en dous xoves consecutivos.

O terceiro xoves de cada mes, neste caso o día 18 de abril, celébrase unha sesión de adestramento en técnicas de escenificación, improvisación e teatro espontáneo na Casa Azul, en horario de 19.30 a 21.30 horas. É unha actividade aberta polo que para participar só hai que acudir, non é necesario inscribirse.

Unha semana máis tarde, o cuarto xoves de abril o día 25, o Mercado acolle unha representación pública deste teatro de improvisación, en horario de 20.00 a 21.30 horas.  Trátase dunha interpretación sen guión previo, no que os actores e actrices, autores e público constrúen un relato colectivo.

O Teatro espontáneo busca crear condicións para que as persoas poidan expresarse con liberdade,  dicir o que queiran, reflexionar sobre os temas que lle interesan ou inquietan, debater sen confrontación, buscar respostas e transitar cara a unha creación colectiva.

Malia non ser -en termos rigorosos- un produto artístico nin un recurso terapéutico, o teatro espontáneo é unha ferramenta de resolución de conflitos, unha intervención social que fomenta o diálogo social respectando a diversidade, fortalece o desenvolvemento humano e a conciencia cívica, ademais de incentivar a participación social activa.