A Lérez Up volverá poñer en alto a bandeira da cultura friqui e os videoxogos no último fin de semana de setembro 

19
A asociación pontevedresa Gaming Troop, continúa ao fronte na terceira edición dun evento xa consolidado, co apoio do Concello de Pontevedra
O Recinto Feiral de Pontevedra será de novo o escenario para unha cita que xunta torneos de alto nivel, obradoiros, concurso de cosplay e mostras de arte, artesanía e ilustración 

Neste 2024, Pontevedra poderá presumir de novo de ser a capital galega da cultura friqui e os videoxogos durante todo un fin de semana. No calendario, dúas xornadas marcadas en vermello para os seus amantes: 28 e 29 de setembro, días nos que se celebrará a terceira edición Lérez Up.

O Recinto Feiral volverá acoller por terceiro ano consecutivo este evento, que como primeira novidade ve modificada un chisco a súa data, quedando fixada para finais do mes de setembro. Porén, a base fundamental da programación que xestiona a asociación pontevedresa Gaming Troop, seguirá inmutábel: torneos de videoxogos recoñecidos a nivel internacional, xogos de mesa, charlas, obradoiros, certame de cosplay, mostra de arte, ilustración e artesanía… 

LEREZUP23 PHOTOS 78
Concurso de Cosplay.

Que videoxogos serán os protagonistas desta edición? O Super Smash Bros. Ultimate continúa a ser a referencia, xunto co League of Legends ou Valorant. Este ano, ademais, tamén aparece como novidade o Tekken 8, que continúa o legado da famosísima fanquía de pelexas e que chegou a principios deste 2024. Doutra banda, no referido a xogos de mesa, o título de cartas Magic The Gathering contará cun espazo de seu.

A información sobre o programa e as actividades desvelarase aos poucos a través das redes sociais dos organizadores, en Twitter e Instagram baixo o nome de @gaming_troop, e na súa páxina web www.gamingtroop.es/lerezup