O Concello pon en marcha a licitación dos proxectos para a reforma integral do antigo conservatorio e de Churruchaos

94

A tenente de alcalde, Eva Vilaverde, deu conta este xoves da Xunta de Goberno Local que aprobou o inicio dos expedientes, impulsando proxectos que até agora estaban paralizados por mor do atraso na aprobación dos novos orzamentos

A tenente de alcalde, Eva Vilaverde, compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta da Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora da mesma. Alén dos asuntos incluídos na orde do día, Vilaverde quixo poñer o foco sobre a aprobación do expediente de inicio licitación tanto da obra de renovación de Churrachos, como do antigo conservatorio.

A concelleira pontevedresa lembrou que estas son dúas obras incluídas dentro do Programa de Impulso á Rehabilitación dos Edificios Públicos (PIREP), e que hoxe viron iniciados os seus procesos de licitación. «Estaban na liña de saída, agardando ter o orzamento aprobado, e agora podemos tramitalos», explicou. «Queremos agradecerlles aos servizos técnicos municipais que sacan adiante todos estes proxectos que estaban paralizados, pero que agora poden continuar o seu curso».

No referido á rehabilitación do antigo conservatorio, trátase dun proxecto que contará cun orzamento de 1.585.176,61 euros e cun prazo de execución de seis meses, afectando a unha superficie construída de máis de 1.700 metros cadrados. «É unha obra que se engloba baixo ese laboratorio da creatividade que queremos que Pontevedra teña, baixo o nome de Centro Internacional da Creatividade», indicou a tenente de alcalde. «Queremos conxugar o máximo posíbel a mellora estética e a eficiencia enerxética do edificio, ao tempo que se mantén a estrutura orixinal do mesmo».

O soto do edificio pasará a ser unha sala de audiovisuais e albergará a sede do Seminario Permanente de Jazz (SPJ), namentres que a planta baixa pasará a ser un espazo de “testeo” e proba para iniciativas culturais de diversa índole.

Doutra banda, as dúas primeiras plantas habilitaranse para unha aceleradora de economía social na que emprendedores creativos poidan dar os seus primeiros pasos impulsando os seus propios proxectos. Os andares terceiro, cuarto e quinto serán espazos para desenvolver obradoiros que, nun principio, poderán estar relacionados coa carpintería, a cerámica, o deseño industrial ou os materiais téxtiles, se ben o futuro que está por chegar poderá mudar estas opcións ou adaptalas a outras necesidades.

O edificio tamén albergará unha residencia para creadores no sexto andar, onde artistas convidados poidan impulsar proxectos temporais que ofrezan algún tipo de contraprestación á cidade de Pontevedra. Por último, o baixo cuberta tamén contará con este uso, a maiores dunha terraza ao aire libre pensada para acoller todo tipo de presentacións e actos culturais.

No referido á reforma de Churruchaos, o Concello ten previsto investir 1,37 millóns de euros. O obxectivo da rehabilitación proxectada é de mudar o interior do edificio de xeito integral, mantendo o seu uso para dependencias administrativas, tal e como vén funcionando na actualidade, ao acoller os servizos de Cultura, Normalización Lingüística ou Medio Ambiente.