O Concello inicia os traballos de mantementodas palmeiras en toda a cidade de Pontevedra 

19
O edil, Xaquín Moreda, informou esta mañá da posta en marcha dunhas actuacións que se realizarán en tres puntos distintos da Boa Vila, que suman máis de 70 exemplares 

O edil de servizos básicos urbanos, Xaquín Moreda, visitou esta mañá de mércores, 3 de abril, os traballos de mantemento que se están a realizar en relación coas palmeiras da cidade. «Trátase dun traballo global que se realizará en todos exemplares da cidade», indicou.

De xeito principal, estes traballos afectarán a tres zonas concretas da Boa Vila: Gutiérrez Mellado (con 24 palmeiras), Sagasta (con 20 exemplares) e na avenida de Vigo con Andrés Mellado (preto de 30 palmeiras).

Os traballos contan cun financiamento total de 17.525 euros e consisten na retirada de follas secas e na limpeza das vainas dos troncos. «Realmente son traballos complexos, xa que requiren da utilización dunha plataforma elevadora e nalgúns puntos é necesario programar cortes de tráfico», explicou o edil. Nese sentido, todos os traballos se realizarán en coordinación co corpo da Policía Local.

«Estes eran uns traballos demandados pola cidadanía e que entran do marco dese obxectivo principal para o Concello de Pontevedra que é manter os espazos públicos e o mobiliario urbano en estado de revista», sinalou. «Ademais, neste caso, tamén queremos mellorar a calidade de vida dos propios elementos vexetais».