O Gafos recupera a súa “luz” ao substituír a led a iluminación da senda urbana 

24

Son 40 farois de aceiro cortén distribuídos dende a estación de autobuses e Alcalde Hevia.

Trátase dunha actuación priroizada pola concellaría que xestiona Xaquín Moreda porque algunhas das instalacións estaban en situación perigosa para a veciñanza que empregan a senda. 

Nas últimas semanas a senda urbana do río dos Gafos volveu a estar en obras para reparar e cambiar a led toda a iluminación. Foi unha intervención priorizada pola Concellaría de Servizos urbanos básicos que dirixe Xaquín Moreda xa que existían riscos para as ducias de usuarios que cada día empregan o paseo dos Gafos.

Dende a estación de autobuses até Alcalde Hevia substituíronse 40 luminarias e, nalgúns casos, os mastros que estaban deteriorados. A intervención realizouse en distintas fases xa que os traballos obrigaron a retirar a parte superior dos farois de aceiro cortén para substituír no taller as luminarias, polo que os mastros dos farois estiveron algúns días sen iluminación mentres se realizaban estes labores. Ademais, non se podía realizar a substitución dunha vez para non deixar as escuras o paseo.

A intervención na iluminación da senda urbana dos Gafos era un dos traballos que estaba priorizado por parte do concelleiro Xaquín Moreda para ir recuperando a boa imaxe do paseo -logo de varios anos sen case mantemento- e seguindo as directrices marcadas polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores. A falta de orzamento e o mal tempo condicionaron os ritmos das reparacións que poderán incrementar coa chegada da primavera e a entrada en vigor das contas municipais de 2024.

O mantemento no Gafos obedece á orde dada polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores para que o tramo urbano do Gafos vaia recuperando o seu esplendor de anos atrás, xa que se trata dun dos espazos máis visitados e empregados polos veciños de Pontevedra.

Cabe lembrar que nestes meses, o Concello reparou e abriu a pasarela peonil de madeira por debaixo da avenida da Estación que une a senda do Gafos con Josefina Arruti; reconstruíu o muro pétreo da canle do Gafos para evitar que as augas do río saíran do seu leito e afectasen á senda urbana; mellorou parte da senda de xabre, especialmente naqueles puntos máis perigosos; reparou e limpou os tramos da cuberta do Gafos que permanecen pechados pola súa perigosidade e que se manterán así até  apertura do río; reparou a pasarela instalada ao carón do CEIP Campolongo, afundidada por unha varredoiro de Prezero.

A falta de orzamento en vigor para 2024 impediu que se puidese avanzar máis nestes labores que se foron facendo coas partidas prorrogadas do ano 2022. Foron actuacións urxentes e para evitar perigos dentro da senda. En carteira está a reparación de toda a senda de xabre, a reparación das pontes ou a mellora do mobiliario público da senda.