O Concello anima a participar a todos os profesionais educativos nas xornadas de formación sobre crianzas con altas capacidades 

49
Desenvolveranse entre o 27 e o 28 de abril no Pazo da Cultura, ofertando até 200 prazas, e a inscrición pode ser realizada a través do enderezo electrónico formateaacc@gmail.com 

O concelleiro de Educación, Demetrio Gómez, presentou esta mañá, acompañado de Nadia Lamarca e Tamara Campos, representantes da Rede Cría (Crianza Respectuosa Informada e con Apego), unha nova actividade de formación que se desenvolverá na cidade en relación coa atención educativa das crianzas con altas capacidades.

Trátase dunha actividade a desenvolver no Pazo da Cultura, nos días 27 e 28 de abril —en diversas sesións de mañá e tarde—, «coa que se pretende ofertas unha formación especializada a profesionais da educación e da ensinanza para que os nenos e nenas con altas capacidades teñan a atención que merecen e que neste intre non están a ter», indicou Gómez.

O curso de formación estará conducido por Yolanda López Iglesias, psicopedagoga especializada en altas capacidades. «É a principal especialista que hai no Estado sobre este asunto», destacou o edil. «Este tipo de formación vai ser unha das primeiras que se oferta na Galiza e é realmente interesante para todas as persoas que teñen que traballar con estas crianzas nas aulas. Recomendamos que se inscriban na actividade e se formen neste eido encarecidamente».

Así, todo profesional interesado en participar nestas xornadas pode inscribirse no enderezo electrónico formateaacc@gmail.com

Pola súa banda, Nadia Lamarca lembrou que a falta de formación á hora de traballar con crianzas con altas capacidades propicia situacións negativas á hora de identificalos e acompañalos durante o seu crecemento e formación, provocando «un prexuízo moi grande nas familias e outras redes». Os estudos actuais indican que un 10 % da poboación podería ter altas capacidades, mais apenas se identifican un 0,61 % dos casos na Galiza.

«Este curso permitirá que docentes, profesores e o persoal de benestar social do municipio e da provincia poidan formarte neste campo», explicou Lamarca. «A formación ofertada a través do Concello de Pontevedra terá 200 prazas en total. As familias demandan asesoramento e ferramentas, pois é difícil saber como actuar no día a día, algo que se xunta co descoñecemento daqueles profesionais que os deberían estar asesorando, pero que carecen da formación adecuada, ocasionando unha problemática real e grande».