O alcalde reúnese con representantes veciñais e comerciais da Parda para presentarlles o proxecto do futuro parque do barrio 

18
Miguel Anxo Fernández Lores sinalou a xuntanza como «produtiva e positiva», ao tempo que recolleu tamén distintas demandas das asociacións da Parda  

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo este martes, 19 de marzo, unha reunión con representantes da Asociación de profesionais e pequenas empresas da Parda, ademais da asociación de veciños do nomeado barrio, para presentarlles os proxectos do novo parque e pavillón da cidade. O rexedor tamén estivo acompañado dos concelleiros Xaquín Moreda, Anabel Gulías e Alberto Oubiña.

En palabras de Fernández Lores, foi esta unha reunión produtiva, na que puido amosar e conversar sobre os futuros proxectos ideados para o barrio, que inclúen a construción dunha zona verde de enormes dimensións, como é o parque da Parda, así como a construción dunha nova zona de estancia sobre as vías do tren na rúa 12 de novembro.

«Quixemos presentarlles este proxecto de vital importancia para a cidade, ademais, claro, de escoitar as súas demandas», indicou. «Falamos dun proxecto que xa está en tramitación, que recollerá diversas cuestións como a mellora xeral dun barrio cheo de xente nova a través deste parque, e que tamén acollerá no futuro un pavillón de competición deportiva para escala, ximnasia e outras disciplinas cubertas».

O rexedor lembrou que o futuro parque da Parda transformará totalmente o aspecto dun espazo de máis de 30.000 metros cadrados, contando tamén con zonas de aparcadoiro próximas aos xulgados. «Temos xa unha partida reservada no orzamento do ano pasado e asinaremos un convenio coa Deputación para que o proxecto vexa a luz», indicou.

Dentro das demandas recollidas, o alcalde destacou a petición dunha posta en valor dos distintos comercios, debullándose a posibilidade de facelo a través dunha guía comercial da zona, achegándolles os establecementos á veciñanza. «Agradecemos as súas opinións e achegas, así como a súa asistencia a esta xuntanza, que recoñezo que foi produtiva e positiva», finalizou.