Iniciado o proceso de contratación para a reforma da parcela sobre as vías do tren na rúa 12 de novembro 

38
O proxecto contempla a creación dunha nova zona de estancia para a cidade, con partes axardinadas e a instalación dunha fonte xunto co resto do mobiliario urbano
Actuarase nunha superficie de máis de 4.700 metros cadrados a través dun orzamento de 710.972 euros 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá de xoves, 14 de marzo, co obxectivo de dar conta da Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora da mesma. Alén dos asuntos incluídos na orde do día, o rexedor quixo informar do inicio do proceso de contratación do acondicionamento e reforma da pasarela sobre as vías do tren na rúa 12 de novembro —da parte que na actualidade está sen uso, facendo esquina coa rúa Hortas—.

«Imos actuar sobre unha superficie de máis de 4.700 metros cadrados cun orzamento de 710.972 euros. Iniciamos o proceso de licitación hai unha semana», explicou o rexedor. «Deste proxecto eu destacaría a incorporación dun novo espazo público para a cidade e que permitirá conectar a rúa Santa Teresa de Jesús Jornet coa rúa Hortas a través dunha rampla fronte aos novos xulgados».

A reforma creará unha nova de estancia enriba da plataforma que cobre a vía do tren que contará tamén con zonas axardinadas en ambos os dous lados —preto da calzada e preto das medianeiras— e que permitirá a circulación peonil con seguridade na zona, habilitando unha praza de 2.500 metros cadrados. Tamén esta contemplada a instalación dunha fonte e de distinto mobiliario urbano.

Fernández Lores explica que unha vez iniciado o proceso de licitación será logo adxudicado a unha empresa cando estean listos os novos orzamentos. O alcalde lembrou que tamén pode ser negociado coa Deputación para que esta obra se realice con cargo ao convenio deste 2024. Sexa como for, o rexedor confía en que os trámites avancen con axilidade para transformar este espazo.