O Concello recibe a concesión de Costas para construír o by-pass de Mollavao e ordena reactivar a actuación de Rosalía de Castro 

9

César Mosquera explicou esta mañá que « nun tempo récord » e grazas á mediación da senadora e exconcelleira do BNG, Carme da Silva, obtívose a concesión que permitirá reurbanizar Rosalía de Castro.

Os servizos técnicos teñen orde de reactivar o proxecto coa actualización de prezos. 

O horizonte é poder empezar a construción do vial neste ano. 

O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera anunciou esta mañá que xa chegou a concesión de Costas dos terreos de Mollavao para crear o by-pass e poder reurbanizar Rosalía de Castro até ese punto. O concelleiro indicou que dado que Costas tiña tomada a decisión contraria -non autorizar a concesión- « é un auténtico récord » xa que a solicitude se reactivou no mes de novembro. Enmarcou esta concesión nas xestións realizadas pola senadora e exconcelleira do BNG en Pontevedra, Carme da Silva, durante as negociacións de investidura para o Goberno de Madrid.

Con esta autorización « por fin podemos botar a maquinaria a andar para estas dúas actuacións: o by pass e reurbanización de Rosalía de Castrlo que pola sección que ten é imposible ampliar sen quitar un carril », explicaba César Mosquera.

A concesión está outorgada por 15 anos cunha prórroga de 15 anos máis. Ademais, está condicionada a que se presente un proxecto de revexetación do resto da parcela que o Concello tratará de negociar para que non perda a súa condición de estacionamento, e a regularización da avenida de Marín, xa que foi unha vial feito por Fomento nos anos 50 e cedido ao Concello que nunca foi regularizado ante Costas, a pesar de que está en espazo de dominio público marítimo-terrestre.

O seguinte paso será falar coa Deputación -autora do proxecto do by-pass- para acordar a actualización de prezos do proxecto, e iniciar a licitación por parte do Concello cos fondos provinciais, tal e como quedou establecido no convenio asinado coa Deputación anos atrás e, recentemente, actualizado.

César Mosquera deu hoxe orde ao director xeral de Infraestruturas de que os servizos técnicos municipais retomen este proxecto e o da reurbanización de Rosalía de Castro, de tal xeito que a obra do by-pass poida estar en obra a final de ano, e a reforma de Rosalía de Castro ao longo de 2025.

« En todo caso, para min, que tiven unha participación directa dende hai tempo neste proxecto, é unha satisfacción. Ao final saíu este proxecto que é moi bo para o barrio e para Pontevedra en conxunto », indicou César Mosquera.

Zona de baixas emisións

O concelleiro tamén indicou que esta mañá comezou a colocación da sinalización das Zonas de baixas emisións en 14 puntos distintos das entradas da cidade e no barrio de Monte Porreiro. Hoxe mesmo quedarán instalados.

César Mosquera volveu a lembrar que esta sinalización obrigada « non afectará en nada » ás dinámicas actuais da cidade.