O alcalde reúnese co delegado do Goberno na Galiza para transmitirlle os «deberes pendentes» co municipio da Boa Vila 

15
A execución do nó de bombeiros, o paseo a Marín ou a finalización do primeiro tramo da A-57 foron algúns dos temas tratados durante a xuntanza institucional 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, recibiu esta mañá na alcaldía do Concello de Pontevedra a primeira visita institucional do delegado do Goberno na Galiza, Pedro Blanco. Rexedor e delegado mantiveron unha breve e positiva reunión, na que puxeron sobre a mesa diversas cuestións en relación coa actualidade pontevedresa. Nesta xuntanza tamén participaron a tenente de alcalde, Eva Vilaverde, e o o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada.

Logo de asinar no libro de honra da cidade, Blanco e Lores puideron conversar un anaco e repasar algúns dos distintos temas de interese que o municipio ten en relación co Goberno central. Así, o rexedor pontevedrés sinalou que esta reunión quixo ser «o inicio dunha relación fructífera no futuro e falamos de ter un contacto máis permanente no día a día».

Dentro das cuestións comentadas, figurou o estado actual da execución da obra do nó de bombeiros, que «será iniciada máis pronto que tarde». «Hai unha cuestión aí pendente co Concello de cara á regularización dos terreos, un convenio sen asinar, que debe ser axilizado», explicou.

Outra cuestión, prioritaria e subliñada polo alcalde, foi a da cordinación entre a Policía Local e a Policía Nacional ao longo dos vindeiros meses para realizar unha operativo conxunto que minimicen as obras que están por vir neste nó de bombeiros, «unha zona sensíbel que está obsoleta no referido á circulación». Concello e Subdelegación manterán unha reunión no futuro para buscar a mellor solución conxunta ao respecto deste operativo.

Doutra banda, tamén se puxo sobre a mesa a continuidade do proxecto do paseo peonil cara Marín; a reunión coa secreataría xeral do Estado de Costas, en relación co futuro vial de Mollavao; ou a axilización dos trámites para a corrección dun vertido ao final do nomeado paseo cara Marín e que quere executar a Xunta de Galiza. 

Por último, Lores recoñeceu que quedaron algúns temas por tratar dada a brevidade da xuntanza, mais confía en poder seguir mantendo contactos no futuro, como á hora de recuperar ao cen por cen o ENIL da Xunqueira da Gándara; ou os avances na construción da A-57.