O Concello reparará este martes a ponte sobre a autoestrada en Domingo Fontán ante a inacción de Fomento 

3

Se o tempo acompaña, está previsto achegar asfalto á conexión da ponte coa rúa tratando de minorar as molestias actuais para os condutores.

A solución definitiva está incluída dentro da reforma do nó de Bombeiros e non estará operativa até dentro de varios meses.

O Concello xa tratou de reparar este resalte hai varios meses e coa maquinaria no lugar, Audasa impediullo. 

O Concello de Pontevedra reparará este martes, 12 de marzo, a partir das 10.00 horas o resalte da rúa Domingo Fontán sobre a ponte da autoestrada, á saída da ponte das Correntes, se o tempo acompaña. É un traballo que fará a carteira de Servizos urbanos básicos, que xestiona Xaquín Moreda, con carácter provisional e excepcional ante as reiteradas queixas de condutores que empregan esta zona da cidade e ante a inacción de Fomento.

Logo de reclamar en diversas ocasións a intervención de Fomento ou a súa autorización, o Concello acordou actuar na ponte de Domingo Fontán sobre a autoestrada aínda que non é de titularidade municipal, senón delegada en Fomentou ou, no seu caso, en Audasa.

O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera recoñecía este xoves que os usuarios da vía « teñen razón » á hora de queixarse sobre o estado do firme, e recordaba que a ponte non era propiedade municipal e, ademais, ese territorio estaba en discusión por lindes entre o Pontevedra e Poio.

A maiores, facendo uso da súa condición de deputado provincial, tamén lembraba que hai uns dez anos a Deputación provincial reparara parte do resalte até que lle obrigaron a abandonar o lugar, aínda que non era a súa competencia; igual que tratou de facer o Concello de Pontevedra meses atrás cando, coas máquinas no lugar para facer a reparación, un equipo de mantemento de Audasa presentouse no lugar parando a obra e informando que non era propiedade do Concello nin tiñan autorización para executalo.

A ponte sobre a autoestrada en Domingo Fontán será obxecto de reforma no proxecto de remodelación do nó de bombeiros, polo tanto a solución definitiva está naquela actuación. De todos os xeitos, César Mosquera adiantou que se tardará varios meses en intervir nese punto, polo que o Concello optou por reparalo ante a inacción de Fomento, co que leva meses tratando de resolver o problema.

A intervención farase co equipo de sostemento da cidade achegando aglomerado na xunta que une a ponte coa estrada, en ambos sentidos. A Policía Local estará regulando o tráfico en toda a zona.