A promoción de máis de 260 vivendas na cidade confirma a boa saúde urbanística de Pontevedra 

26

O concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña deu conta das solicitudes de licenza presentadas no Concello nos últimos tres meses para seis novos edificios. Dous están situados en Tafisa, outro en Virxinia Pereira, Peregrina, Valdecorvos e na rúa do Ouro.

O investimento total é de máis de 26 millóns de euros.

O concelleiro explicou que a nova oferta « contribuirá á contención de prezos ». 

« Pontevedra está a vivir un momento doce na promoción de novas vivendas » explicou esta mañá o concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña, que fixo balance das solicitudes de licenza urbanística de novos edificios que está a tramitar o Concello nos últimos 3 meses (do 29 de novembro ao 29 de febreiro). En total máis de 260 vivendas que supón unha investimento de máis de 26 millóns de euros na cidade.

Dous están na rúa Ernestina Otero Sestelo (Tafisa)

  • Un de 56 vivendas promovido pola cooperativa de promoción oficial Andares do Lérez cunha edificación de rochos, garaxes, baixo, seis plantas e aproveitamento baixo cuberta. O orzamento é de 4,4 millóns de euros. 
  • O segundo edificio promove 60 vivendas cun orzamento de 3,1 millóns de euros e unha edificabilidade de rochos e garaxes, baixo, seis andares e baixocuberta.

En Virxinia Pereira Renda, promóvense 33 vivendas cun aproveitamento de garaxes e rochos, baixo máis catro plantas e baixocuberta. O orzamento é de 2,9 millóns de euros.

No barrio de Valdecorvos, o IGVS promove 74 vivendas distribuídas en catro bloques de baixo máis catro plantas cun orzamento de 11,9 millóns de euros

Na rúa Peregrina está solicitada a demolición do número 57-59 por valor de 52.025 euros, para a construción de 18 vivendas de baixo máis catro plantas. O orzamento é de case 1,7 millóns de euros.

Finalmente, nas rúas do Ouro e Domingo de Andrade está solicitada a construción dun edificio de distintas alturas para habilitar 22 vivendas por un orzamento de 1,8 millóns de euros.

« En total case 26 millóns de euros para crear novas vivendas que permitirán dotar a Pontevedra de nova vivenda que contribúa á contención dos prezos », explicou o concelleiro de Urbanismo.

Alberto Oubiña confirmou « o excelente estado da construción no concello » porque ademais destas novas promocións que xa estudan os servizos urbanísticos, hai outras en construción que se entregarán nos vindeiros meses.