A Orbil Parade xa adorna as rúas e prazas da cidade e inicia a conta atrás para o comezo do Salón do Libro ‘A maxia’

121


A Praza da Peregrina, a do Hospital Provincial, a Glorieta de Compostela, a Casa das Campás, Rosaía de Castro e Montero Ríos e o propio Pazo da Cultura son as ubicacións escollidas, que tamén podes atopar no mapa do programa do Salón.

Entre as 7 figuras destaca a que está a pintar o alumnado do Bacharelato de Artes do IES Frei Martín Sarmiento e a peza en branco que poderá decorar a cativada que se achegue ao Salón entre o 1 e o 17 de marzo

Unha renovada mascota Orbil – desgastada polos anos e o agarimo da cativada – está a percorrer estes días os centros escolares colaboradores de Pontevedra e parroquias.


Aproveitando a visita ao CEIP Froebel da renovada mascota Orbil –  logo do desgaste de moitos anos de uso e as apertas de miles de nenos e nenas – o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernándex Lores e o concelleiro de Cultura Demetrio Gómez, quixeron vivir en directo a ledicia da rapazada ante a presencia do lobo lector.  Pese á climatoloxía adversa, visitaron tamén algunha das estatuas que forman parte da Orbil Parade, repartidas por toda a cidade.

Na presentación Miguel Anxo apuntaba que “Orbil  – que é libro ao revés- é a mascota do Salón do Libro. Foi un éxito desde o comezo tanto o nome como a súa figura e este ano, puxémolo un pouco máis guapo porque cumprimos 25 anos. Non  é fácil manter unha actividade como o Salón do Libro durante 25 anos e posiblemente sexa a actividade mais antiga e completa do estado. Este ano serán 17 días de animación á lectura, de ilustración, de ter contacto os nenos e nenas cos escritores, os obradoiros, que moitos xa están esgotados. Cambiamoslle o traxe porque en 25 anos, como os rapaces disfrutan moito con el, tíranlle do rabo, etc. e houbo que facer un novo. Está indo por todos os coles.  Eu quero agradecer ás persoas que traballan todo o ano, aos centros escolares especialmente, que fan traballos para a exposición, ao profesorado. A todos os coles de Pontevedra e parroquias que colaboran e tamén outros moitos que nos visitan da comarca e outras cidade. Este 25 aniversario é unha festa. É un orgullo para Pontevedra este Salón”

Sobre a Orbil Parade , o mapa insertado dentro do programa – tanto físico como dixital – do Salón do Libro, recolle nunha fermosa e divertida ilustración da artista Tania Solla, as ubicacións das 7 estatuas que un ano máis avanza que o Salón está a piques de comezar. Son a Praza da Peregrina, a do Hospital Provincial, a Glorieta de Compostela, a Casa das Campás, Rosaía de Castro e Montero Ríos e o propio Pazo da Cultura. Este último espazo, sede do evento, contará cunha figura en branco para que sexa a cativada visitante a encargada de darlle cor. 

Destacaba o concelleiro que “o alumnado do Bacharelato de Artes do IES Frei Martín Sarmiento, nun proxecto escolar, educativo e formativo, está un ano máis traballando na decoración dunha das estatuas que, unha vez rematada, será colocada na Glorieta de Compostela, posiblemente cando xa teña comezado o Salón.”

A mascota estivo esta semana visitando entre outros os Colexio San José, o CEP Campolongo, a EEI Crespo Rivas, os CEIPS Vidal Portela, Álvarez Limeses, Praza de Barcelos, San Martiño, Pontesampaio, Frobel… – todos eles centros colaboradores de Pontevedra e parroquias que achegarán os seus traballos para a exposición do Salón.

A vindeira semana continuará ruta polas Xunqueiras 1 e 2, Vilaverde -Mourente, CEE Pontevedra, etc. e como comentou Demetrio “a experiencia que temos das visitas desta semana é que os nenos e nenas están encantados con Orbil e non percibiron ningún cambio. Orbil é un lobo que sae pouco do Pazo, estivemos os últimos anos sen sácalo aos coles e e este ano retomamos. A Orbil o que realmente lle gusta é que as nenas e os nenos vaian ao Salón e lean libros con el. Que acudan, que vaian, que visiten o Salón e que lle conten contos a Orbil” remataba, convidando á asistencia.