Os parques Amalia Álvarez e da rúa Bacelar xa locen os seus flamantes bancos 

41

Nun traballo de permanente revisión deste mobiliario público, a Concellaría de Servizos urbanos básicos que dirixe Xaquín Moreda ten previsto continuar a reparación dos asentos do parque do Miradoiro de Monte Porreiro e revisar os do paseo peonil de Josefina Arruti. 

Tamén se instalarán novos bancos en Arcebispo Malvar, na cabeceira da ponte da Barca e no barrio de Ponte Muíños. 

O departamento de Servizos urbanos básicos, que xestiona Xaquín Moreda, continúa adiante cos labores de mantemento e conservación dos espazos e do mobiliario público seguindo as ordes ditadas polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores para mellorar a imaxe da cidade. Un deses traballos é a reparación e sostemento dos bancos de distintos parques e rúas, que son obxecto dunha adicación especial e constante durante todo o ano por parte do departamento que dirixe Xaquín Moreda.

Nestas últimas semanas retiráronse os bancos da rúa Bacelar e do parque que a une con Pintor Laxeiro, ambas no barrio da Parda. Este mobiliario reparado xa está instalado ao igual que os bancos do parque Amalia Álvarez, que tamén foron retirados para o seu tratamento e instalados esta mesma semana.

Os bancos públicos de rúas e prazas están en permanente revisión por parte da Concellaría de Servizos urbanos básicos e vanse reparando e substituíndo en función das necesidades. Cabe lembrar que as inclemencias climatolóxicas e o paso do tempo fan que as madeiras e as pezas de metal se vaian deteriorando, e sexa necesario reparalas ou substituílas, segundo cada caso.

Aínda que a casuística é moi variada, os traballos xerais consisten no decapado da madeira a base de lixado, logo vernízase ou píntase (de ser o caso). Os elementos de metal tamén se lixan e se pintan. Finalmente colócanse no lugar retirado. Neste proceso substitúense madeiras que poidan estar rotas ou perigosas, así como os parafusos ou os pés dos bancos que tamén poidan estar en mal estado.

A Concellaría ten en carteira continuar co tratamento dos asentos do parque do Miradoiro, no barrio de Monte Porreiro e os do paseo peonil de Josefina Arruti.

Ademais, está previsto instalar novos bancos no tramo final da rúa Arcebispo Malvar, cara a praza de España. Trátase dunha demanda veciñal, especialmente da xente de idade que precisa dun asento onde descansar logo de subir a costa. Tamén se colocarán novas unidades na cabeceira de Pontevedra da Ponte da Barca e no barrio de Ponte Muíños.