Lores manterá unha reunión con Teresa Ribera o vindeiro 21 de febreiro 

30
A vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico recibirá ao alcalde de Pontevedra para conversar sobre os diversos proxectos pendentes co municipio 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, manterá unha xuntanza coa vicepresidenta terceira do Gobierno de España e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, o vindeiro 21 de febreiro. Foi a data acordada entre ambas as dúas partes, goberno local e estatal, logo da carta emitida desde a Alcaldía do Concello de Pontevedra solicitando unha reunión para poder avanzar nas diversas cuestións e proxectos pendentes relacionados con Costas.

«O venres, a última hora da mañá, chamaron do Ministerio sinalando que tiñan moito interese en manter esta xuntanza e realizar esta entrevista», explicou o rexedor. «Vendo as axendas e as datas dispoñíbeis pechamos a do 21 de febreiro, ás 13.00 horas, no Ministerio de Transición Ecolóxica».

Lores agradeceu «a prontitude» á hora de aceptar e dar a entrevista para poder falar de temas «que tanto nos interesan». O alcalde indicou que desde o Concello de Pontevedra será remitido un dossier coas demandas locais, por orden de preferencia ou urxencia, máis agarda «poder falar coa ministra doutras cuestións con menos apuro». Entre os temas figurarán, de seguro: o vial de Mollavao, a desocupación e recuperación da xunqueira da Gándara, a xunqueira de Ponte Sampaio ou o segundo tramo do paseo cara Marín pola ría. 

«Valoro moi positivamente do feito en que o Goberno do Estado teña este interese e agardo volver de Madrid co compromiso de retomar as relacións co Ministerio», finalizou o rexedor.