Pontevedra celebra os 40 anos da recuperación do seu Entroido

246
O programa deste ano funcionará tamén como un álbum de cromos que rememora e contempla os carteis creados ao longo destas catro décadas por diferentes artistas e deseñadores
As Murgas, a Mostra da Parodia, o tradicional Desfile, o velorio do loro Ravachol, a Noite Pirata ou as xornadas do Entroido formarán parte da programación oficial deste ano 

Pontevedra celebrará este 2024 un Entroido máis que especial. Trátase do 40 aniversario desde que o Entroido volveu ás rúas da cidade e nas que evolucionou e medrou até se converter no «mellor entroido urbano do país», tal e como lembrou o concelleiro de Festas, Demetrio Gómez, na presentación do programa deste ano.

O edil estivo acompañado polos integrantes da Murga do Naveiro, os pregoeiros escollidos para iniciar o Entroido neste ano, xunto co ilustrador, deseñador e creador do cartaz (e álbum de cromos) desta celebración, Kiko da Silva, transformado en Castelao; e a fotógrafa Paula Andrés.

«Estamos nun Entroido moi especial. Celebramos 40 anos da recuperación do Entroido na rúa de Pontevedra», lembrou Gómez. «Queriamos facer algo moi especial, queriamos facer unha homenaxe a todas as persoas que pasaron pola organización deste Entroido e que lograron que ano tras ano sempre vivísemos unha gran festa. Pareceunos unha magnífica opción publicar todos os cartaces neste álbum de cromos convertido en programa do Entroido».

Así, o programa físico do Entroido, do que serán distribuídos 10.000 exemplares —que poderán ser recollidos nuns días na Oficina de Turismo Municipal e no Departamento de Cultura e Festas de Churruchaos—, é tamén un álbum de cromos que inclúe até 32 colantes distintos que poden ser adheridos no propio programa, enchendo os ocos correspondentes. Unha peza de coleccionismo en toda regra, que se desenvolve entre a nostalxia e a memoria destes 40 anos de festas e disfraces.

O edil de Festas quixo agradecerlles o esforzo a todas as persoas que están traballando no Entroido deste ano 2024, tanto polo curto espazo de tempo que houbo entre o Nadal e os días de disfraces que están por chegar, como polas propias dificultades que atravesa o Concello ao contar cuns orzamentos prorrogados. «Non foi realmente nada doado sacar adiante o traballo que é organizar e dar forma a este programa», insistiu Gómez. 

O programa oficial do Entroido pontevedrés comezará o día 9 de febreiro, coa recepción do alcalde ao rei Urco, quen chegará acompañado do seu séquito e das comparsas Las Flores del Carnaval, Os 100 Tolos, Os Paparrulos e Os Solfamidas. A partir desta xornada, sucederanse as citas habituais coma o Desfile e certame (10 de febreiro), a recreación da Botica de Perfecto Feijoo (12 de febreiro), a Noite Pirata (13 de febreiro), a Mostra da Parodia (16 de febreiro) ou a queima do loro Ravachol (sábado 17), entre outra actividades como pasarrúas, obradoiros infantís, entroidos tradicionais nas parroquias, sesións vermús, festa infantís, etcétera. 

O programa do Entroido completo poderá ser consultado na web municipal de https://www.pontevedra.gal/.

Pola súa banda, Kiko da Silva quixo anunciar que esta sería a súa derradeira achega en forma de deseño e cartel para o Entroido pontevedrés. Caracterizado como Castelao, o artista gráfico quixo reivindicar a súa figura un día despois da data do seu nacemento (29 de xaneiro). «Cando recibín este encargo tiña claro que non podía ser Kiko da Silva, senón Castelao no século XXI, quen fixese este cartaz», explicou. «É o colofón e o peche do meu paso por este marabilloso Entroido que temos. Por suposto, non fun o único ao longo destes 40 anos que o fixo, como Juan Gómez, Santiago Paredes ou Ovo Publicidade».

A nomeada peza artística referencia ‘O neno das piñas’ do propio Castelao, que se atopa no Museo de Pontevedra, lembrando tamén que o seu cartaz foi creado usando as mesmas técnicas de pintura que o polifacético intelectual de Rianxo, sinalando a importancia das creacións feitas a man fronte ao traballo das intelixencias artificiais no deseño gráfico.