O programa Apego duplicou no 2023 o número de familias que foron partícipes das súas diversas propostas   

28
O edil de Normalización lingüística, Demetrio Gómez, subliñou o éxito do programa e a altísima valoración que fan deste as familias que gozaron do mesmo
Case un 7 % das crianzas nadas na Boa Vila no ano 2023 participaron este ano en Apego 

O concelleiro de Normalización lingüística, Demetrio Gómez, ofreceu esta mañá de luns, 29 de xaneiro, unha rolda de prensa na que achegou diversos datos e información do que foi o programa Apego ao longo do 2023. Este ciclo de actividades abrangueu distintas propostas dirixidas ás familias con fillos de entre 0 e 6 anos. 

«Quixemos traer até aquí os datos que nos ofreceu a memoria deste programas que procura mellorar a transmisión interxeracional da lingua galega e que está elaborado por toda unha rede de concellos distintos, entre os que se inclúe Pontevedra», lembrou Gómez. «Ao final, do que se trata é de xerar e crear espazos amábeis para as familias e entre familias, onde as crianzas aprendan a falar galego e sexa a súa primeira lingua, superando prexuízos, participando actividades e atopando novas ferramentas de todo tipo». 

Entre os datos máis destacados, aparece que un 50,6 % das familias inscritas en Apego utilizan máis o castelán ou só o castelán á hora de falarlles as súas crianzas, namentres un 42,16 % utilizan só o galego ou máis para fallarlle aos nenos e nenas. «Nas familias, e así o transmiten, amosan un interese claro en que as crianzas aprendan a falar galego, e saben que é complexo que un neno ou nena aprenda galego na sociedade actual».

En total, foron levadas a cabo 37 actividades distintas (11 en primavera, 8 en outono, 16 en ritos e festas, 1 festa final e 1 formación para docentes). Neste eido, o concelleiro destacou un enorme éxito nas actividades estacionais, mais unha baixada nas dedicadas a ritos e festas, polo que «aínda que se valoran moi positivamente polos asistentes», tratarase de mellorar este apartado no futuro para conseguir unha mellor participación.

Porén, as cifras anuais de Apego só poden ser vistas de xeito positivo. En comparación ao ano 2022, no 2023 contouse cun crecemento dun 143 %, é dicir, multiplicou por máis do dobre o número de familias implicadas. «O programa vai moi ben, estamos a conseguir os nosos obxectivos, e a evolución entre o ano 2022 e 2023 é espectacular», explicou Gómez. Como curiosidade, case un 7 % (6,6 %) das crianzas nadas en Pontevedra acudiron ao programa. 

O edil sinalou que «botaba de menos» a presencia e papel de Xunta neste tipo de iniciativas, «que debería implicarse máis na transmisión interxeracional do galego e non estar dicindo sempre que a súa política lingüística funciona, que só busca a minusvaloración e a desaparición da lingua galega».